Nunha reunión con federacións e e clubs deportivos, o candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, presentou a súa proposta de poñer en marcha o Bono Actívate, unha axuda universal de 100 euros para apoiar aos maiores de 65 anos nos gastos que supón a práctica deportiva.
O obxectivo é fomentar a práctica deportiva "ata que un queira", destacou Rueda, mediante unha axuda económica universal "sen ter en conta nin renda nin grao de dependencia" coa que sufragar gastos como as cotas das instalacións deportivas ou o custo das clases e o material.
"Igual que axudamos ás familias con menores de 16 anos é de xustiza facelo tamén coa xeración que nolo deu todo e achegou os recursos que fan posibles medidas como esta", explicou o líder do PP galego, porque o deporte "se pode facer a todas as idades".
O candidato do PP asegurou que "o deporte en Galicia funciona", de aí a necesidade de seguir fomentando e apoiando desde o goberno galego a práctica deportiva, tanto no que se refire ás federacións, como ao deporte escolar, ás instalacións deportivas ou ás axudas para profesionais.
Rueda apelou ao valor que ten promocionar o deporte e convertelo nunha actividade "fácil de practicar e que xere retorno", mostrando a súa aposta por facer de Galicia unha comunidade que toda España identifique co deporte.
Neste sentido, Alfonso Rueda indicou que Galicia "ten un especial valor deportivo que hai que potenciar e tentar mellorar" no que se refire á súa contorna natural, á súa tradición deportiva, aos enclaves que ofrece para a práctica deportiva ou á súa relación entre o deporte e o turismo.
"O deporte atrae a moita xente que gasta o seu diñeiro aquí e logo quere volver se lle gusta a nosa terra. Polo que non hai dúbida de que o deporte é rendible en todos os sentidos e de que non hai mellor viaxe turística que a organización dunha proba deportiva", sentenciou Rueda.