Un plan para a revitalización demográfica e un plan de emprego xuvenil, propostas do PSdeG

Pontevedra
22 de setembro 2016

A situación demográfica de Galicia, segundo os socialistas, é de "absoluta emerxencia". A candidata por Pontevedra, María Pierres, denunciou que Galicia non só perde poboación, senón que "experimenta un intenso proceso de avellentamento e falla de renovación xeracional". Por iso, as propostas presentadas polo PSdeG-PSOE sitúanse nese eido

Reparto electoral do PSdeG-PSOE diante do Hospital Provincial
Reparto electoral do PSdeG-PSOE diante do Hospital Provincial / PSdeG-PSOE de Pontevedra

A situación demográfica de Galicia, segundo os socialistas, é de "absoluta emerxencia". A candidata por Pontevedra, María Pierres, denunciou que Galicia non só perde poboación, senón que "experimenta un intenso proceso de avellentamento e falla de renovación xeracional". Por iso, as propostas presentadas polo PSdeG-PSOE sitúanse nese eido.

María Pierres explicou que a diminución e o avellentamento da poboación poñen en perigo a sustentabilidade do modelo económico, político e de benestar social do país. "Esta é unha cuestión de país e de máxima prioridade para o futuro de Galicia, e os socialistas facemos un compromiso nítido coa revitalización demográfica do país", dixo.

Así, os socialistas promoverán un acordo social cos principais axentes políticos e sociais do país que se concretará nun Plan de Revitalización Demográfica.

"A revitalización demográfica sostible pasa por utilizar de xeito combinado os impulsos á fecundidade e o fomento da inmigración", indicou María Pierres engadindo que "non hai solucións rápidas senón políticas transversais e a longo prazo".

Non é só importante, sinalan desde o PSdeG, a recuperación do emprego a nivel xeral, senón tamén a creación de oportunidades para a incorporación dos mozos ao mercado laboral, dado que o desemprego e a migración da mocidade "están nun nivel de gravidade moi superior ao do conxunto da poboación".

Para que o emprego xuvenil teña consecuencias positivas en materia demográfica ten que reducirse de xeito "moi substancial" o nivel de desemprego e por iso Pierres adiantou que o seu partido aposta por un Plan de Emprego Xuvenil e outras medidas de promoción do emprego "que faciliten que a xente nova poida quedar en Galicia e evite a emigración", 

Xunto a isto, os socialistas insistiron na necesidade da dotación de escolas infantís públicas de 0 a 3 anos en condicións de accesibilidade universal, con tarifas non disuasorias e debidamente planificadas no territorio.

Arquivado en