Un investimento de 2,8 millóns de euros cun retorno "que calculamos vai estar por riba dos 15"

Pontevedra
14 de setembro 2023

Desa cantidade, 750.000 euros os achega directamente o Concello de Pontevedra, completándose o orzamento con achegas doutras administracións, televisión e patrocinadores privados  

Carreira elite masculina na Copa do Mundo de Tríatlon de Pontevedra
Carreira elite masculina na Copa do Mundo de Tríatlon de Pontevedra / Cristina Saiz

O maior evento deportivo dos organizados nunca en Pontevedra, a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon que se celebrará do 20 ao 24 de setembro, conta cun presuposto aproximado de 2.800.000 euros.

Así o recoñeceu en recentemente o alcalde de Pontevedra tras unha reunión do comité organizador xunto ao director deportivo da Federación Española de Tríatlon, Jorge García.

Desa cifra, 750.000 euros achegaraos directamente o Concello, acompañados de 500.000 euros da Deputación e 200.000 da Xunta de Galicia (50.000 xa foron achegados na Copa do Mundo celebrada en 2022). O resto do orzamento completarase con achegas de televisión e patrocinios privados.

Neste aspecto os responsables do comité organizador destacan os 300.000 euros nos que está valorada a produción televisiva do evento (con sinal internacional en directo para multitude de países) e que será asumida por Radio Televisión Española (RTVE), unha garantía de calidade xa que "son os que produciron o tríatlon nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, Río 2016 e Tokyo 2020", defendeu García.

Ademais, no que respecta aos patrocinadores, Inditex a través da firma Zara Athleticz colaborará con 150.000 euros, a empresa tecnolóxica xaponesa NTT achegará 60.000 euros e Globalia, responsable da organización dos aloxamentos, 70.000 euros. Tamén son patrocinadores a firma deportiva Asics, a marca de nutrición 226ers e "Estrella Galicia comprometeuse a participar".

"O presupospo foisenos un pouco das mans por cuestións de seguridade", explicou o alcalde da Boa Vila, afirmando que en todo caso espérase "unha repercusión económica que calculamos vai a estar por riba dos 15 millóns de euros", e que será obxecto dun estudo detallado por parte dunha empresa especializada. Ademais "calculamos 10 millóns de impactos mediáticos", asegurou Lores.