Un equipo de voluntariado sen precedentes para "o evento do evento"

Pontevedra
15 de setembro 2023

Máis de 600 persoas conforman o equipo de voluntariado que dará soporte á organización da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en Pontevedra, con idades comprendidas entre os 12 anos e os 80

Voluntarios participando no curso de Primeiros Auxilios
Voluntarios participando no curso de Primeiros Auxilios / Mónica Patxot

Máis de 600 persoas conforman o equipo de voluntariado que dará soporte á organización da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en Pontevedra. "O que está a dicir a xente do tri (tríatlon) é que é 'o evento do evento', e ninguén quere perdelo", sinala Miguel Balea, o coordinador xeral de voluntariado.

O feito de que este campionato sexa decisivo para a clasificación olímpica de París 2024, "animou moito á xente, tanto que hai máis dun mes que tivemos que parar a captación de voluntariado e abrir unha lista de agarda".

Pechada a captación, a cada voluntario preguntábaselle polas súas preferencias e dispoñibilidade horaria para os días do evento. "Por exemplo, hai quen escolle Secretaría, que neste caso son voluntarios que se defenden moi ben en inglés para atender tanto a triatletas como acompañantes". 

Jose Moure tívoo claro. É un dos xefes do sector de Prensa e un dos voluntarios de maior idade. Aos seus 70 anos, este exmilitar recoñece que "é a miña maneira de contribuír a que o deporte en Pontevedra sexa o que é". Por iso valora que a cidade fose lugar de celebración de grandes citas co tríatlon desde 2008, e en todas elas Moure estivo traballando entre bambolinas.

Este atleta retirado confesa que "todos estes eventos deportivos, o contacto con xente nova, producen unha vitalidade que é importante a unha idade". 

O perfil do voluntario abarca "de todo, de Pontevedra, de Galicia, do resto de España e algún de fóra, como tres xaponeses que se van a incorporar os días do campionato. Temos desde os 12 anos, o máis novo, ao máis lonxevo ao redor dos 79-80 anos, e de todos os ámbitos", apunta Miguel Balea. Estes datos refírense ao voluntariado deportivo, que se distingue do voluntariado específico de seguridade de carreira, do que se encargará persoal da Brilat e da Escola Naval Militar. 

As tarefas do voluntariado deportivo están estruturadas en diferentes áreas de traballo, os denominados "sectores". Balea destaca o "apoio a dirección de carreira" e "loxística e voluntariado" como as áreas máis complexas de coordinar. "Apoio a dirección de carreira é a área maioritaria, con dez ou doce xefes de sector, porque é onde hai máis sectores: avituallamentos, accesos, acompañamento na auga, gardarroupa…". 

No caso de "loxística e voluntariado", dous xefes de sector encargaranse de coordinar o avituallamento diario e o descanso de todos os voluntarios. "Podemos chegar a alimentar no día a 950 persoas, como pasaba no Multisport (2019), e ademais dar apoio a necesidades que expoñan outros sectores".

As semanas previas ao campionato, os voluntarios recibiron formación obrigatoria, presencial ou a distancia, segundo os casos, en todo o que rodea ao evento (horarios, espazos e probas) e ao seu labor, como normas de conduta, dereitos e deberes, coñecer as áreas de traballo ou vocabulario técnico de tríatlon en inglés. Como novidade, tamén se tratou a materia de sustentabilidade. "É unha iniciativa da Unión Internacional, que vai outorgar unha medalla de ouro, prata e bronce ás sedes que realizan este tipo de probas con criterios de sustentabilidade. Nós imos colaborar para que a xente que veña use un só coche ou eliminar plásticos levando todos as voluntarios botellas de aluminio reenchibles", comenta Miguel Balea. 

Ademais desta formación, nas semanas previas organizáronse cursos e talleres breves non obrigatorios que serviron para que os voluntarios da zona tivesen unha primeira toma de contacto. No de Primeiros Auxilios participaba Ana Amatria, voluntaria de 24 anos que seguía este curso "para refrescar coñecementos, porque son socorrista". Formada en Ciencias do Deporte, lembra que "no último tríatlon non puiden participar por temas de clase". Para a pontevedresa, vai ser a súa primeira participación como voluntaria nun evento desta categoría e, neste sentido, afirma que "vives a competición dunha maneira distinta que estando de público".

O centro de referencia para o voluntariado durante as Series Mundiais de Tríatlon estará no Pavillón Universitario. Un punto estratéxico fronte á ponte dos Tirantes e ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva, onde compartirán instalacións cos servizos de Fisioterapia e os competidores nos circuítos por Grupos de Idade.