Un décalogo de medidas do BNG para que a Xunta "reme a favor" do impulso de Pontevedra

Pontevedra
05 de febreiro 2024

A modo de 'contrato' coa cidadanía, o candidato do BNG por Pontevedra, Luis Bará, quixo presentar este decálogo na ponte do Burgo, un lugar "cargado de simbolismo", dixo, porque no lugar "onde naceu Pontevedra e onde está a orixe da cidade"

Luis Bara presenta o décalogo de compromisos do BNG con Pontevedra
Luis Bara presenta o décalogo de compromisos do BNG con Pontevedra / Mónica Patxot

Para Pontevedra, segundo o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sería "algo estupendo" que, tras as eleccións do 18 de febreiro, houbese un goberno do BNG na Xunta de Galicia. E, para mostra, o decálogo de compromisos que os nacionalistas puxeron por escrito.

A modo de 'contrato' coa cidadanía, o candidato do BNG por Pontevedra, Luis Bará, quixo presentar este decálogo na ponte do Burgo, un lugar "cargado de simbolismo", dixo, porque no lugar "onde naceu Pontevedra e onde está a orixe da cidade"

Pontevedra necesita, segundo Bará, un goberno na Xunta "que reme a favor" do impulso da capital da provincia e da súa área de influencia. Tras anos sen o apoio do executivo autonómico, sinalou, "máis avanzará cun goberno que coopere, colabore e impulse novos proxectos".

Así, o candidato nacionalista comprometeuse a activar de maneira "inmediata" a ampliación do polígono do Campiño e a construción do de Fragamoreira, máis de 800.000 metros cadrados "fundamentais para evitar ou estrangulamento da demanda de solo industrial".

Ademais, o BNG promete manter o uso sociosanitario do Hospital Provincial e mellorar a Atención Primaria, impulsar a dragaxe do río Lérez e recuperar os espazos de dominio público marítimo terrestre ocupado polas administracións públicas na Xunqueira de Alba.

Un goberno liderado por Ana Pontón, sostivo Luis Bará, impulsará a variante de Alba e a variante do Vao, así como a reforma e posterior transferencia ao Concello dos tramos urbanos das estradas entre Pontevedra e Marín, Ponte Caldelas e Campo Lameiro.

En materia cultural, Bará avanza que unha Xunta do BNG apoiaría os eventos consolidados en Pontevedra, reforzaría a presenza do Xacobeo e impulsaría un "proxecto faro" no Museo de Pontevedra, convertido no Museo Nacional de Galicia, con dez millóns para Santa Clara.

Colaborar coa Universidade de Vigo no seu novo edificio en Tafisa ou na creación dunha residencia universitaria ou impulsar o complexo deportivo da Parda e ampliar o Centro Galego de Tecnificación Deportiva e o centro de piragüismo do Pontillón, son outros dos compromisos.

O BNG aposta ademais por activar os convenios para os novos centros de Amencer e Xoán XXIII, transferir á Xunta a unidade de drogodependencias e a cidade infantil Príncipe Felipe ou participar na recuperación do Gafos e dos humidais de Pontevedra

Este decálogo complétase coa compra de vivenda baleira ou a construción de obra nova para alugueiro social, recuperar a delegación da CRTVG en Pontevedra ou converter o Pazo de Lourizán nun referente na investigación sobre os bosques e o cambio climático.

Pontevedra terá, sentenciou Bará, "un antes e un despois" coa nova etapa que Ana Pontón quere abrir á fronte da Xunta, polo que pediu o apoio dos cidadáns para "impulsar un ambicioso proxecto de transformación desta cidade".

Arquivado en