Un centro tecnolóxico da auga, a proposta do BNG para recuperar o muíño do Gafos

Pontevedra
16 de maio 2023

Os ríos de Pontevedra terán "atención preferente" no Concello no próximo mandato. Así o asegurou o alcalde e candidato do BNG á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, que aposta por unha cidade "que coide dos seus ríos"

Presentación do proxecto Río 30 do BNG para Pontevedra
Presentación do proxecto Río 30 do BNG para Pontevedra / BNG

Os ríos de Pontevedra terán "atención preferente" no Concello no próximo mandato. Así o asegurou o alcalde e candidato do BNG á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, que aposta por unha cidade "que coide dos seus ríos".

Os nacionalistas prometen actuacións para renaturalizar e poñer en valor todos os leitos fluviais, pero este martes quixeron presentar un proxecto concreto para recuperar o muíño do río Gafos, un patrimonio material que xa é propiedade municipal.

Así, tras un proxecto para remodelar este muíño e adecuar as súas instalacións, o BNG aposta por crear nel un centro de interpretación tecnolóxica da auga.

"Ningunha cidade que se prece pode desprezar todo ou patrimonio que hai arredor de auga", destacou Fernández Lores.

Este centro busca ser un referente didáctico para que os escolares poidan "coñecer toda a potencia" que hai en Pontevedra ao redor da auga, cun centenar de leitos fluviais, pontes, muíños ou saltos de auga, que quedarán perfectamente catalogados.

A vertente tecnolóxica deste equipamento permitiría ao Concello contar cunha ferramenta para coñecer en tempo real datos sobre o consumo de auga, niveis de encoros e ríos, avarías ou a calidade dos recursos dispoñibles.

Aínda que o BNG barallou outras posibles localizacións para este centro, Lores subliñou que optaron por este muíño no Gafos por estar nun espazo "natural e público" e porque a súa rehabilitación "era unha espiña que tiña cravada".