A candidata do PSdeG-PSOE, María Pierres, visitou as zonas queimadas do concello de Pontevedra durante o verán, acompañada de representantes das comunidades de montes. Alí, reiterou que Galicia ten que tomar "moi en serio" a súa política forestal e non como o goberno de Feijóo que, dixo, "limítase a esperar que chova o suficiente para que non ardan os montes".
"Hai que planificar e ter unha idea clara do que queremos para un sector vital para Galicia, non só dende o punto de vista medio ambiental senón tamén económico", engadiu Pierres, que asegurou que os incendios forestais son o principal problema ambiental de Galicia e a principal limitación para o sector forestal.
Así, os socialistas presentan unha serie de "medidas de choque" que abordaría o goberno presidido por Xoaquín Fernández Leiceaga en materia forestal, partindo da construción dunha cultura forestal integrada no marco rural "que dignifique ao monte e sobre todo ás comunidades de montes".
Ademais, prevén implantar fórmulas de xestión pública "acordes co século XXI, estables e con obxectivos claros que permitan protexer mellor o monte e rendibilizar a súa explotación racional".
Neste sentido, María Pierres explicou que "debemos apostar por un mercado máis transparente mediante a creación da figura do taxador forestal e dunha rede homologada de taxadores, que se completaría co impulso de lonxas comarcais de aproveitamento do monte".
Outras das medidas dos socialistas son a creación da marca Madeira de Galicia para a comercialización da madeira autóctona, impulsar a creación de novas industrias forestais vinculadas á potencialidade do monte, apostar de forma decidida pola innovación, diversificación e internacionalización de toda a cadea monte-industria; ou aprobar unha nova Lei de Montes Veciñais en Man Común e un plan de xestión do conxunto dos montes.