Tirón de orellas do BNG ao Goberno por "bloquear" demandas históricas da cidade

Pontevedra
24 de maio 2023

O BNG quixo este mércores "deixar en evidencia" a actitude do Goberno central con Pontevedra, acusándolles de "bloquear" demandas históricas da cidade pensadas para mellorar a calidade de varias áreas urbanas, entre elas a de Mollavao

Paseo de Néstor Rego e Miguel Anxo Fernández Lores por Beiramar
Paseo de Néstor Rego e Miguel Anxo Fernández Lores por Beiramar

O BNG quixo este mércores "deixar en evidencia" a actitude do Goberno central con Pontevedra, acusándolles de "bloquear" demandas históricas da cidade pensadas para mellorar a calidade de varias áreas urbanas, entre elas a de Mollavao.

Acompañado do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lamentou que "nin fan nin deixar facer" como pasou co novo vial de Mollavao ou a rexeneración da Xunqueira de Ponte Sampaio.

Fernández Lores lembrou que existe "proxecto e orzamento" para humanizar Rosalía de Castro, que quedaría cun único carril de saída cara a Marín, unha actuación de dous millóns de euros que está condicionada ao "bypass" que lle una con Beiramar.

"É un proxecto que está feito, hai un convenio coa Deputación para executalo, temos a autorización ambiental da Xunta e todos os informes xurídicos e urbanísticos, pero levamos máis de tres anos agardando polo informe favorable de Costas", indicou o alcalde.

A isto o candidato do BNG sumou os atrasos en obras comprometidas como a A-57, que para o alcalde é unha "necesidade imperiosa" de Pontevedra para contar cunha circunvalación libre de peaxe que conecte os parques empresariais da comarca.

O mesmo camiño segue, engadiu Fernández Lores, a Xunta de Galicia con proxectos como a variante de Alba ou a dragaxe do río Lérez, iniciativas que o rexedor considera fundamentais para unha Pontevedra "que está medrando".

Na súa intervención, Néstor Rego instou ao Goberno a "dar un impulso" á recuperación destes espazos para a cidadanía e que deixe de negarse a autorizar proxectos "que non implican financiamento pola súa parte", algo que considera "incomprensible".

"Non se entende que se anuncien proxectos novos que bloquean aqueles que xa están desenvolvidos", sostivo o deputado do BNG, que asegurou que insistirá en reclamar no Congreso "que se lle dean para adiante a estas actuacións".

Rego sentenciou que "a posibilidade de que se siga avanzando na recuperación destes espazos pasa por contar cun goberno do BNG con máis forza nos vindeiros anos".

Respecto do paseo a Marín, o deputado do BNG lembrou que PSOE e Unidas Podemos votaron en contra dunha emenda na que os nacionalistas instaban a executar a súa segunda fase, polo que subliñou que os seus deputados galegos "terán que explicar por que".