Saleta Castro, lista para o Mundial de Pontevedra: "Sería un soño estar entre as dez primeiras"

Pontevedra
24 de abril 2019

"Correr na casa e máis un mundial é algo único" asegura a deportista pontevedresa, unha das embaixadoras do ITU Multisport Festival de Pontevedra e que chega ao campionato do mundo de longa distancia do próximo 4 de maio nun estado de forma "moi bo", recoñece

Saleta Castro
Saleta Castro / Mónica Patxot

"Correr na casa e máis un mundial é algo único", asegura. Por iso Saleta Castro conta os días para competir en Pontevedra no Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia, fixado para o sábado 4 de maio dentro da programación do ITU Multisport Festival.

Ela é unha das embaixadoras do evento, e como non podía ser doutra forma faille "moitísima ilusión" participar no que denomina como unha "cita histórica". Por iso decidiu aparcar uns meses o seu obxectivo de clasificarse para o Mundial Ironman de Hawaii.

"Xa o ano pasado correr na casa o Campionato de España de longa distancia fíxome moita ilusión", recoñece. Por aquel entón a pesar de saír dunha lesión e de vir de participar nun Ironman conseguiu subir ao segundo chanzo do podio.

Agora o obxectivo é outro. "Para min sería un soño estar entre as dez primeiras", revela a pontevedresa, aínda que ante o gran nivel que haberá na liña de saída "tamén son realista e non me quero obsesionar cun posto, senón facer unha boa carreira, dalo todo, que poida espremerme e que salga todo o traballo feito ata agora".

Entre os nomes a seguir Saleta coloca á danesa Frederiksen, campioa en 2018, ou as españolas Judith Corachán, Gurutze Frades e Anna Noguera que "poden estar aí". En definitiva "vai estar a cousa rifada", vaticina.

A nivel persoal cre que "agora mesmo o meu estado de forma é moi bo, diría que dos últimos anos é o mellor que tiven pero logo hai que levalo á competición", despois dunha pretemporada "moi boa", explica, pero na que tivo que superar algúns momentos de dúbida tras o seu debut no Challenge de Salou, onde as cousas non saíron todo o ben previsto, entre outras causas debido a un cambio de bicicleta e a pouca adaptación a ela.

Saleta Castro: "Correr coa túa familia, amigos e xente coñecida animando é algo que che dá forzas nos momentos de baixón"

"Desanimeime un pouco porque vin que quedaba só un mes para Pontevedra e que igual non estaba tan forte como pensaba, pero despois cambiei o chip e estas dúas últimas semanas fixen adestramentos bastante duros, de horas e esixentes. Xa estou máis adaptada á bici, non teño molestias", explica convencida de poder realizar un bo papel na casa. Ademais "correr coa túa familia, amigos e xente coñecida animando é algo que che dá forzas nos momentos de baixón", reitera.

En canto ao percorrido que se atopará no Mundial de Pontevedra, onde deberá completar 3 quilómetros de natación, case 110 de ciclismo e 30 quilómetros de carreira a pé, "creo que coñecerse ben o circuíto sobre todo de bicicleta vai facer moito para controlar toda a competición e baixarse a correr con forzas, sen chegar moi pasado, porque é un circuíto complicado, rompepernas", examina Saleta.

"Xa se viu o ano pasado no Campionato de España que é un percorrido esixente pero que á vez che permite ir moi rápido, entón hai que controlar, saber cando apertar e cando levantar o pé para que iso logo non pase factura nos 30 quilómetros a pé", incide sobre o que espera o próximo 4 de maio nunha distancia na que só competiu en dúas ocasións, Eivissa en 2010 e Pontevedra no Nacional de 2018.

Saleta Castro será sen dúbida una das referencias para a afección local no ITU Multisport Festival, cita tras a cal volverá centrarse na distancia Ironman pensando na que sería a súa segunda participación en Hawaii en categoría profesional. Buscará a clasificación se se cumpren as previsións no Campionato de Europa da especialidade que se celebrará na localidade alemá de Frankfurt o domingo 30 de xuño, aínda que iso será outro cantar.