Salas e grandes festivais, a debate en Cabos Soltos: Condenados a entenderse?

Pontevedra
22 de marzo 2019

España, en tan só tres anos, converteuse no país onde acoden máis turistas estranxeiros para asistir a un festival de música. A cifra de grandes eventos disparouse e, segundo algúns sectores da industria, ameaza a supervivencia do circuíto de salas. Sobre esta cuestión virou a segunda xornada dos encontros técnicos de Cabos Soltos.

Encontro técnico sobre a industria da música no marco de Cabos Soltos
Encontro técnico sobre a industria da música no marco de Cabos Soltos / Mónica Patxot

España, en tan só tres anos, converteuse no país onde acoden máis turistas estranxeiros para asistir a un festival de música. A cifra de grandes eventos disparouse e, segundo algúns sectores da industria, ameaza a supervivencia do circuíto de salas. Sobre esta cuestión virou a segunda xornada dos encontros técnicos de Cabos Soltos.

A este respecto, o director do Monkey Week, Tati Carreto, alertou do risco de que "nos estamos cargando o ambiente das salas", escenarios onde comezan a carreira moitas bandas e artistas para os que, sen ese soporte previo, o salto aos festivais de música "faise moito máis complicado".

"Estamos a tirar pedras contra a propia industria", sinalou este profesional, que advirte que "estamos a matar a evolución natural" dos artistas. Ademais, explicou que o público novo "non ten cultura de salas" e puxo o foco sobre o "sen sentido" de que os menores poidan acudir a festivais "e non poidan ir a un concerto a unha sala".

Julio Gómez, responsable do Sinsal, reflexionou sobre o feito de que aos artistas "válelles a pena facer salas por promoción pero non por diñeiro", mentres que os festivais garántenlles un caché máis elevado e tocar "en mellores condicións". Todo iso, sumado aos artistas que se negan a facer pequenos concertos, fai que o panorama "estea a cambiar".

Unha posible solución, suxeriu, é que as salas aposten por ofrecer unha maior diversidade nas súas propostas de concertos ou que os festivais de pequeno tamaño opten por unha especialización que os diferencie dos demais.

O responsable do Náutico do Grove, Miguel de la Cierva, engadiu a isto a existencia dun "problema pola falta de público" para asistir a concertos de salas e, doutra banda, por unha evidente "saturación" do mercado coa aparición de decenas de festivais e novos grupos "para unha audiencia que non crece senón todo o contrario".

Ademais, todos eles coincidiron en que as administracións "alteran este ecosistema" cos concertos gratuítos, aínda que si contribúen a que artistas emerxentes, a través de determinadas redes, "poidan tocar en salas" ao longo de todo o ano. 

PARIDADE NA MÚSICA

Cabos Soltos deixou claro tamén que, segundo os expertos, a escena musical "está preparada" para apostar de maneira decidida pola paridade nos carteis de festivais e do circuíto de salas. Así o defendeu Almudena Heredero, directora do Primavera Pro, que exclúe diso a un "pequeno grupo" da industria que "se aferra" a prácticas do pasado.

Tras lembrar que "hai moitas mulleres" que venden millóns de discos no noso país, Heredero reclamou "esforzarse máis" e avanzar cara unha maior inclusión de artistas femininas nunha oferta cultural onde, lembrou, a maioría de programadores aínda son homes.

Pola súa banda, a programadora Marcela Sanmartín sinalou que desde a asociación na que traballa, Mulleres da Industria da Música (MIM), elaboraron un rexistro con artistas e bandas femininas para que os festivais "non teñan a escusa de dicir que non hai", o que permitiu elevar a cota de mulleres, que en 2017 foi tan só do 12%.

Un dos estes festivais, o Atlantic Fest da Illa de Arousa, ten directora. Susana Laya explicou que, nos últimos anos, a presenza feminina foi incrementándose exponencialmente e en 2018 supuxo case o 50% do seu cartel. Todo iso porque, dixo, "o público pedíanolo" e o festival fixo "de maneira natural".

Ata hai pouco, explicou Laya, había mulleres "moi preparadas musicalmente" pero ante a escasa saída profesional que atopaban "traballaban noutras cousas", o que complicaba a súa contratación. Agora, engadiu, "vendo que teñen máis posibilidades" resulta máis fácil atopar propostas artísticas de gran nivel dispostas a actuar nos festivais.

Estes encontros técnicos de Cabos Soltos completáronse cunha mesa redonda que analizou os problemas legais aos que se enfrontan salas, músicos ou festivais, na que participaron o músico Fran Velo, baixista de Heredeiros da Crus; o director da Asociación Festivais de Galicia, Xabier Alonso; e a avogada Patricia Gabeiras.

Ademais, Ivone Lesan da Sala Razmatazz (Barcelona) impartiu un taller práctico para que os artistas aprendan a manexar recursos adecuados que lles permitan acceder aos programadores e aos medios de comunicación.