Rumbo ao 26M: compara as propostas dos partidos en materia cultural

Pontevedra
15 de maio 2019

Os programas dos partidos políticos que pugnan por facerse cun oco na Corporación que sairá das eleccións do 26 de maio permiten albiscar cal é a Pontevedra que queren. PontevedraViva propón un comparador centrado en seis aspectos para tentar confrontar a idea de cidade de cada un

Candidatos de BNG, PP, PSOE, Marea, Cidadáns, Compromiso por Galicia, Podemos e Vox á Alcaldía de Pontevedra
Candidatos de BNG, PP, PSOE, Marea, Cidadáns, Compromiso por Galicia, Podemos e Vox á Alcaldía de Pontevedra / Mónica Patxot

Os programas electorais dos partidos políticos que pugnan por facerse cun oco na Corporación municipal que sairá das eleccións do próximo 26 de maio permiten albiscar cal é a Pontevedra que quere cada un. Non resulta posible comparalos ao pé da letra en todos os seus apartados pola gran diversidade das propostas duns e outros, pero PontevedraViva seleccionou seis aspectos para tentar confrontar a idea de cidade de cada un.

Cultura, deportes, modelo urbano, rural, dinamización da cidade e promoción económica van ser debullados. Os proxectos para outros ámbitos importantes para a cidadanía poden consultarse no especial electoral que publica a diario este xornal.

Estas son as propostas dos distintos partidos na área de cultura:

BNG:

  • A cultura como elemento dinamizador da economía local. 
  • A cidade como espazo de acollemento: Faise necesario seguir apoiando e promover eventos culturais que convertan a Pontevedra en punto de referencia cultural en Galicia, norte de Portugal, resto do Estado e Europa, tales como Culturgal, Premios Galegos da música ou Premios da Música de Pontevedra. Pontevedra como valor cultural do que hai que enorgullecerse e poñer en valor.


PP:

  • Creación do Clúster Cultural como elemento catalizador da creación de riqueza e co obxectivo de unificar a todos os sectores públicos e privados ao redor da cultura para facer de Pontevedra un  referente a nivel provincial, galego e nacional.  
  • Creación da Casa da Cultura Municipal Alexandre Bóveda, que contará cunha biblioteca pública municipal con horario de 24 horas durante o período de exames.


PSOE:

  • Construción dun anfiteatro ao aire libre para concertos de música e espectáculos teatrais nos barrios de  Valdecorvos ou Monte Porreiro.
  • Impulsar un Laboratorio de Acción Cultural para converter a cidade nunha "factoría de arte e cultura".


MAREA PONTEVEDRA:

  • Construír unha Biblioteca pública municipal e crear Axencias de lectura nas parroquias.
  • Impulsar un evento artístico anual que irradie cultura e atraia visitantes.


CIDADÁNS (Cs):

  • Dotar á cidade dunha Biblioteca municipal con ampla zona de estudo e apertura os sete días da semana en horario estendido.
  • Recuperación da Bienal de Arte.


COMPROMISO POR GALICIA (CxG):

  • Facer do sector cultural a industria de referencia de Pontevedra coa creación do Clúster das Artes e do Deseño no antigo edificio de Hacienda. Será un centro traballo, administrativo e de asesoría para todos os emprendedores culturais.
  • Reforzo e fomento das asociacións culturais e apoio ao talento creativo que xorde das facultades da cidade, como Belas Artes e Ciencias Sociais, e dos centros de FP e independentes.

 

PODEMOS- EU-SON EN COMÚN:

  • Creación de 'Pontevedra é Cultura' para facer chegar á poboación as diferentes  manifetaciones culturais do municipio, impulsando un día ou fin de semana adicados á difusión da cultura e a arte para todos os gustos e idades.
  • Crear unha escola municipal de artes e música con actividades para adultos (colaboracións de formación de adultos e persoas maiores) e actividades infantís polas tardes.


VOX:

  • Potenciar o hábito da lectura entre a poboación máis nova a través de programas e concursos escolares.
  • Apoiar a conservación das tradicións, entre elas, a taurina.