Que o regreso a casa para os galegos que están na diáspora teña todo tipo de facilidades. Ese é o obxectivo do plan que quere poñer en marcha Alfonso Rueda, se a partir do 18 de febreiro continúa á fronte da Xunta. Un plan baseado, fundamentalmente, na educación e na sanidade.
Nun encontro sectorial con emigrantes, Rueda avanzou o seu compromiso de activar axudas para que poidan estudar un grao nas universidades galegas e a que todos os retornados, veñan do país que veñan, poidan desfrutar da sanidade pública galega de xeito totalmente gratuíto.
A día de hoxe, xa se ofrece unha axuda para cursar FP ou un máster, pero agora se poderá cursar un grao "con axudas para a viaxe, a matrícula e a manutención", ao que sumarían a gratuidade das primeiras matrículas universitarias que o PP propón implantar no sistema educativo galego.
"Hai que seguir ampliando dereitos a quen ten todo o dereito", sostivo o candidato do PP, que recoñeceu ser consciente das dificultades que, en función do país de procedencia, moitos galegos retornados se atopan á hora de acceder a prestacións sanitarias en Galicia.
Alfonso Rueda asegurou que os galegos retornados "teñen moito que dicir no futuro de Galicia" e destacou á "débeda" que a Galicia de hoxe ten con todos aqueles que no seu día tiveron que emigrar e "contribuíron a converternos nunha terra de oportunidades e de acollida".
Para Rueda, a Galicia continental e a do exterior "son a mesma porque non hai quen poña límites aos galegos", polo que avogou por facer todo o posible "para que quen queira volver á que é a súa casa poida facelo nas mellores condiciones posibles".
O candidato do PPdeG recordou que Galicia rexistrou en 2022 un saldo migratorio positivo de 27.251 persoas máis que volveron -desde o estranxeiro ou desde outras comunidades autónomas- que das que abandonaron a nosa comunidade.
Unha cifra que Rueda cualificou de "récord e histórica" e que demostra que "son cada vez máis os que queren volver e quedarse en Galicia porque aquí se vive moi ben".