Rueda asegura que o PPdeG fixo unha "moi boa campaña" coa que "cumprimos exactamente o que queriamos facer"

Pontevedra
16 de febreiro 2024

O presidente e candidato do Partido Popular de Galicia (PPdeG), Alfonso Rueda, mantivo este venres un encontro con interventores e membros do equipo de campaña dos populares en Pontevedra porque "quería empezar este último día de campaña aquí, na miña cidade" ao tratarse dunha xornada na que "sempre fan falta forzas"

Alfonso Rueda de paseo pola Alameda
Alfonso Rueda de paseo pola Alameda / Mónica Patxot

O presidente e candidato do Partido Popular de Galicia (PPdeG), Alfonso Rueda, asegurou que o PP fixo unha "moi boa campaña" coa que "cumprimos exactamente o que queriamos facer e agora teñen que ser os galegos e as galegas as que dicían o 18".

Rueda mantivo este venres un encontro con interventores e membros do equipo de campaña dos populares en Pontevedra porque "quería empezar este último día de campaña aquí, na miña cidade" ao tratarse dunha xornada na que "sempre fan falta forzas".

Aos interventores e apoderados do PP agradeceulles o traballo realizado durante toda a campaña e o esforzo que farán este domingo para "cubrir practicamente todas as mesas en todos os colexios electorais de Galicia".

Alfonso Rueda cre que o Partido Popular chega a esa xornada electoral "cun traballo moi ben feito" no que, durante estes 15 días "peiteamos todo ou practicamente todo o territorio".

Desta campaña o candidato do PP valorou con moita satisfacción os encontros coa cidadanía en xantares, mitins, paseos ou visitas nas que puido explicar o seu programa "creo para iso son as campañas, para iso son as eleccións, sen necesidade de descualificar a ninguén, sen necesidade de insultos persoais ou referencias continuas a persoas como eu recibín nesta campaña".

"Quedo moi satisfeito coas sensacións", destacou Roda que recalcou o seu  "convencemento de que imos ter un magnífico resultado o día 18" e que a cidadanía apoiará "esa Galicia que funciona" fronte a "a posibilidade dun multipartito de esquerdas con moitísimas incógnitas" e con "formulacións que se tentaron ocultar na campaña electoral" como son, segundo dixo, "desde o radicalismo da opción nacionalista ata o entreguismo, a resignación do Partido Socialista".

Neste sentido, reiterou o seu chamamento "a todos eses socialistas que non queren que Galicia poida caer en mans dun goberno con vínculos co independentismo doutras comunidades autónomas e con postulados como os que coñecemos, independencia, imposición lingüística, desaparición das forzas do corpo de seguridade, todo iso pode instalarse aquí".

Preguntado polos xornalistas polas enquisas electorais, Alfonso Rueda dixo que  "se eu quixéseme agarrar a algunhas delas, estaría absolutamente optimista e absolutamente tranquilo" pero prefire quedar coas "sensacións" da campaña da que "hai cousas que sabes ler ou sabes intuír" e aínda que "nunca tes o 100% de convencemento" atópase "optimista, tranquilo dentro do que se pode estar" e tamén "convencido" de que "aínda temos unhas horas para tentar chegar a todas esas persoas indecisas que agora mesmo están a pensar que facer". 

Arquivado en