Evitar unha "Galicia de confrontación". É o obxectivo que se marcou o candidato do PPdeG á presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, que asegurou este luns que os populares loitarán "ata o final" para revalidar a maioría absoluta e seguir gobernando.
Nun almorzo informativo, Rueda pediu a "confianza" dos galegos porque necesita alcanzar esa maioría "para poder seguir facendo cousas".
Nestas eleccións, advertiu o dirixente do PP, só hai dúas opcións, "ou unha maioría suficiente do PPdeG para pactar cos galegos e cumprir os nosos compromisos, ou un multipartito encabezado por un partido nacionalista-independentista".
Afirmou que "a política da ocorrencia, de botar cousas ao aire, de buscar liortas e non facer nada, non funciona", polo que avogou "pola xestión e por render contas" ante os cidadáns, defendendo un goberno "no que prevaleza o 'sentidiño', o rigor e o escoitar".
Ademais, defendeu que non pensa "nun pacto con ninguén" porque non quere depender de ninguén, dixo, ante a posibilidade da alternativa dun goberno "multipartito" de esquerda.
En clave económica, Rueda manifestou que a política "ten que axudar a crear riqueza para que a sociedade funcione e para crear riqueza están os empresarios", polo que o seu goberno debe "estimular a economía, acompañala e non ser un obstáculo".
"Temos pulmón para facer unha serie de cousas que outros non van poder levar adiante", sostivo o candidato do PP galego, que prometeu establecer como máximo un ano para tramitar todos os proxectos que contemplen máis dun millón de euros de investimento.
Alfonso Rueda asegurou ademais que "aquí non van os plantexamentos demagóxicos como os que algúns están a facer cos proxectos de renovables, porque o investimento en eólica é o noso petróleo", propoñendo"ser amigables" cos que queren investir en Galicia.
O dirixente do PP reivindicou ademais a conexión ferroviaria por AVE entre Vigo-Porto-Lisboa, asegurado que "faremos todo o posible para que o Goberno portugués manteña o seu compromiso de enganchar a súa alta velocidade coa galega".
Avanzou que, a este respecto, bota de menos "declaracións moito máis contundentes por parte da esquerda que ten influencia no Goberno central".
Respecto da AP-9, Alfonso Rueda afirmou que "ogallá sexa gratis" pero criticou ao Goberno central porque "se non son capaces de conter a suba das tarifas, é difícil de crer que nos veñan dicir que van ser gratuítas".