O candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, pediu este mércores o voto dos galegos para que Galicia "siga funcionando" nos próximos anos, pechando a porta do goberno a un posible "multipartito" de esquerdas "no que mandará o nacionalismo máis radical".
"Só hai dúas opcións, ou confiar no PPdeG para que haxa un goberno no que só manden os galegos co seu voto ou un multipartito que será un reflexo das liortas internas dos partidos que o compoñen", sostivo Rueda nun mitin do seu partido.
Neste sentido a Rueda non lle valen "o independentismo disfrazado de cordeiro dun BNG que ten como únicos obxectivos a independencia de Galicia e a imposición do monolingüismo nas escolas", nin a "filial de Pedro Sánchez" que o PSOE pretende instalar en Galicia.
Tampouco partidos como Sumar, que cualifica de "experimento de Yolanda Díaz", ou un Podemos "que convoca unha rolda de prensa para dicir que lles puxeron os mobles no pasillo".
O dirixente popular chamou así a apostar pola Galicia "orgullosa, unida, próspera e potente", a través dunha maioría suficiente que permita que a comunidade siga gobernada "desde a responsabilidade, a xestión e o sentidiño".
Alfonso Rueda defendeu que para el e o seu partido "o único importante son o presente e o futuro de Galicia e o benestar, o crecemento e a dignidade dos galegos".
Avogou así por unha Galicia na que as escolas infantís son gratuítas, na que os galegos pagan menos impostos e na que a sanidade pública "ten máis persoal e investimento que nunca".
Relacionado co ámbito industrial, Rueda criticou o "totalitarismo ideolóxico dos que piden que non se autorice un parque eólico máis", ante o que alertou de que "se estas iniciativas non as facemos en Galicia, vanas facer noutro sitio".
O presidente dos populares galegos insistiu que "se pode preservar o noso medio ambiente e seguir crecendo economicamente", recordando que desde a Xunta "xa tivemos que dicir que non a iniciativas eólicas porque non eran viables a nivel medioambiental".
No ámbito da educación, Alfonso Rueda lembrou medidas postas en marcha pola Xunta nos últimos anos, como a educación infantil gratuíta, a potenciación da FP Dual ou a gratuidade das matrículas universitarias para aqueles alumnos que estuden e aproben cada ano.