O candidato do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou este sábado a posta en marcha se sae reelixido do Plan FPGal360, co obxectivo de detectar e previr o abandono escolar antes de que se produza e derivar a ese alumnado a ciclos de Formación Profesional Básica.
O obxectivo que busca este plan é o "abandono cero" nas etapas educativas polo menos ata a maioría de idade, segundo sinalou o candidato do PP nun acto sectorial sobre educación celebrado no Gaiás no que estivo acompañado do número 4 da lista electoral popular por Pontevedra e actual conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
"Para que Galicia funcione, a educación ten que funcionar", sinalou na súa intervención Rueda defendendo a importancia de "contar cun profesorado e unha comunidade educativa con vocación e dedicación".
Por iso aposta por "construír un sistema educativo presente en todas partes, que vaia onde están os alumnos e non ao revés e que lles posibilite o máximo posible o acceso aos centros educativos".
No que respecta ao novo plan proposto para combater o abandono escolar, o candidato do Partido Popular explicou que a través do mesmo ofrecerase información e orientación sobre a FP Básica ao alumnado desde idades temperás e levarán a cabo actuacións específicas tanto para animar a mozos en risco de abandono ou que xa deixaron os estudos para seguir formándose, como para dar a coñecer a desempregados ou mozos sen titulación académica as oportunidades laborais que ofrecen estes ciclos formativos.