A violencia machista segue atacando, co coche como arma

Pontevedra
30 de decembro 2024

Fadoua Akkar, veciña de Salcedo de 41 anos, foi asasinada en outubro pola súa parella en Moaña. O home conducía un coche e tirouse ao mar en Domaio. Ao caer, ela faleceu e el sobreviviu

Concentración en Pontevedra en repulsa polos crimes machistas
Concentración en Pontevedra en repulsa polos crimes machistas / Cristina Saiz - Arquivo

A violencia machista volveu deixar este 2024 os titulares menos desexados en Pontevedra, aqueles nos que se relata o crime dunha muller. O ano deixou unha vítima pontevedresa, unha veciña de Salcedo asasinada en Moaña.

O asasinato produciuse o 5 de outubro. Fadoua Akkar, veciña de Salcedo de 41 anos, foi asasinada supostamente pola súa parella sentimental, A.C.T., de 47 anos e veciño de Moaña. O home conducía un coche e tirouse ao mar en Domaio. Ao caer, ela faleceu e el sobreviviu.

O crime deixou dor en Pontevedra. E tamén unión política para condenalo.

Representantes do tres partidos políticos con representación na corporación municipal acudiron á concentración convocada diante da Audiencia Provincial ao día seguinte, na que se leu un comunicado deixando claro que "estaremos ao carón de Fadoua e da súa familia para esixir xustiza e dignidade". Ao día seguinte, fixeron o propio ante a Subdelegación do Goberno.

Fadoua Akkar levaba pouco tempo vivindo en Pontevedra, na parroquia de Salcedo, co seu fillo de 13 anos, pero xa tiña arraigamento na zona. De orixe marroquí, a maior parte da súa familia estaba asentada desde hai tempo no veciño municipio de Vilaboa. O crime ten dúas vítimas, a propia falecida e o seu fillo que queda orfo.

O suposto asasino foi detido no hospital Povisa, onde ingresou tras ser rescatado da auga. Logo, ingresou en prisión.

Neste caso, este home estaba no sistema VioGén por uns feitos violentos acaecidos no ano 2012.

A Audiencia Provincial de Pontevedra condenouno e ingresou en prisión. Ademais, tivo unha orde de afastamento vixente até o ano 2020 con respecto á muller vítima daqueles feitos.

Concentración polo asasinato machista de Fadoua Akkar
Concentración polo asasinato machista de Fadoua AkkarPontevedraViva

A arma do crime de Fadoua foi un coche. E tamén foi o instrumento utilizado por outro crime que marcou a actualidade de 2024. Trátase do de Jéssica Méndez en Barro en marzo de 2022, que chegou a xuízo este ano.

No banco sentou a José Carlos Eirín e o xurado declarouno culpable do asasinato con alevosía e agravante de xénero. Logo, a Audiencia Provincial de Pontevedra impúxolle 22 anos de prisión.

O xurado concluíu que o acusado levaba anos acosando a Jéssica, "sometía á vítima a seguimento e vixilancia desde facía anos", unha situación de control a pesar de que nunca foran parella.

José Eirín, acusado polo crime de Jéssica Méndez
José Eirín, acusado polo crime de Jéssica MéndezMónica Patxot

A sentenza, como o xurado, declara probado que actuou "co propósito de acabar coa vida" de Jéssica Méndez e "dirixiu intencionadamente" o seu vehículo contra o dela. Como consecuencia do impacto, ela sufriu lesións moi graves que determinaron a súa morte ao día seguinte.

Neste caso, a sentenza insiste en que o acusado "elixiu de forma consciente" o seu coche como "medio comisivo" para matar á súa vítima, pois con el podía "asegurar o resultado de morte perseguido".  

Veciños cunha pancarta diante da Audiencia de Pontevedra
Veciños cunha pancarta diante da Audiencia de PontevedraMónica Patxot

Cando se celebrou o xuízo, en marzo de 2024, un grupo de veciños de Verducido concentrouse ante a Audiencia coa pancarta "Os veciños esiximos Xustiza para Jéssica". A nova asasinada, que residía no momento do crime en Portas, criouse entre Verducido (Pontevedra) e Barro.

Pola Audiencia tamén pasou en setembro un home acusado de asasinato en grao de tentativa, coas agravantes de xénero e parentesco​​​​​​​ por tentar matar á súa ex parella en Monte Porreiro en abril de 2023. O home recoñeceu que a acoitelou dúas veces na vivenda que compartían e xustificou que foi "un momento de rabia".

AGRESIÓN SEXUAL NUN CONCERTO

A violencia machista tamén cobrou forma de agresión sexual este 2024 en Pontevedra. En agosto, durante as Festas da Peregrina, a Policía Local detivo un home de 27 anos por un posible delito de agresión sexual

Sucedeu durante o concerto do rapeiro Delaossa na praza de España. O home presuntamente realizou tocamentos sen consentimento a tres mozas, dúas delas menores. Iso provocou un breve enfrontamento con outras persoas do público.