Ribadumia despediu o 24 de xaneiro a Dositeo Valiñas, o seu párroco durante 80 anos. O sacerdote faleceu cando lle faltaba un mes para cumprir os 103 anos. Estivo en activo case até o final.
Dositeo Valiñas chegou a Ribadumia con só 23 anos, e xa nunca abandonou esta parroquia. Era unha persoa moi querida neste municipio do Salnés do que fora declarado Fillo Adoptivo.
En febreiro o mundo da música chorou a Daniel Portas. O músico de Meaño sufrira un infarto o pasado decembro tras dirixir á Orquestra Sinfónica Xoven de Pontevedra no Pazo da Cultura.
A súa desaparición causou un profundo pesar tanto entre os músicos da formación que encabezaba como nas bandas municipais de Caldas de Reis, que tamén dirixiu, e Santiago e Pontevedra, das que foi trombón solista.
O capitán de 'La Peregrina', Javier Babé, o barco do 'Reto Astrolabio' que pretendía atravesar o océano Atlántico utilizando técnicas do século XVII, perdía a vida o 29 de marzo por mor dunha insuficiencia cardíaca cando a embarcación se atopaba a tan só tres xornadas do seu destino.
Javier Babé era un experto en travesías oceánicas e participara na primeira expedición española a vela á Antártida. A embarcación La Peregrina atopábase a 420 millas da illa de Guadalupe, no Mar Caribe.
En xullo falecía na Boa Vila Emilio Arruti Peleteiro, médico de Urxencias en Montecelo durante as últimas décadas, que coordinara tamén a Oficina de Transplantes do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Xubilouse a finais de xaneiro de 2023 tras 43 anos traballando como profesional médico cun notable recoñecemento entre os responsables sanitarios, compañeiros e pacientes. Con motivo da súa retirada do ámbito sanitario remitira unha carta de despedida na que manifestaba que "seguirei operativo para loitar e defender unha Sanidade Pública da máxima calidade".
O sacerdote Vicente Cerdeiriña, párroco de San Salvador de Poio e da Virxe do Camiño de Pontevedra, faleceu o luns 22 de xullo.
Era natural da Coruña. Estudou Teoloxía e Filosofía en Roma. Chegou como sacerdote a Poio con 34 anos. Era un profundo galeguista sendo o primeiro párroco en oficiar liturxia en galego e mesmo logrou que un Noso Pai apareza gravado en pedra na Basílica do Pater Noster de Xerusalén.
Foi capaz de reunir 60 millóns de pesetas para construír a igrexa de San Salvador. "A min custoume un ril a igrexa" dicía e non falaba de broma xa que estaba trasplantado do ril "e boa parte do mal que tiven achácollo a toda esa loita".
Gerardo Pérez Puga, concelleiro do Partido Popular na corporación de Pontevedra, falecía en xullo aos 61 anos de idade despois de agravarse a longa enfermidade que tentaba superar.
Na súa traxectoria profesional foi directivo de banca e integrante do Consello Social da Universidade de Vigo, tras realizar estudos de Técnico de empresas e actividades turísticas e en Mercadotecnia e dirección de hoteis. No ano 2018, Rafa Domínguez incorporábao como número 8 dentro da lista do Partido Popular e desde entón ocupábase da área de Economía e Facenda dentro do PP local.
En setembro faleceu Jorge Canda, alcalde da Lama durante 28 anos, primeiro co PSOE e despois co PP.
O xornalista pontevedrés Javier Sánchez de Diosfaleceu aos 78 anos. Natural de Tui, pero afincado na Boa Vila, dedicou gran parte da súa vida profesional á prensa galega. Iniciou a súa traxectoria xornalística no Faro de Vigo onde se lembra a súa incisiva columna diaria "Cuatro Cosas", que asinaba baixo o pseudónimo Paco Vedra.
Tamén tivo unha prolífica carreira na radio e mesmo chegou a exercer o cargo de Director de Comunicación da Xunta de Galicia, durante o goberno de Manuel Fraga. Con todo, pronto regresou aos medios como director do "Xornal Diario" en Pontevedra. Ao longo da súa carreira tamén colaborou en varios medios.
Julio Sayáns Bugallo, histórico alcalde de Campo Lameiro durante 36 anos, faleceu o 7 de setembro aos 74 anos de idade. Comezou como rexedor en 1983 como independente, pero despois xa formou parte das listas do PP.
O empresario pontevedrés Enrique de la Peña Viéitez, coñecido como "Tito de la Peña", falecía aos 84 anos. Foi moi coñecido grazas ao éxito do establecemento de perfumaría situado na rúa Oliva. Tamén foi un home vinculado ao mundo do deporte e formou parte da corporación municipal durante o mandato como alcalde de Juan Luís Pedrosa.