Este é o resumo das noticias máis visitadas durante este 2024 en PontevedraViva, tanto na páxina web como nas redes sociais deste medio informativo.
Primeiro trimestre: Entre a conmoción e a esperanza
XANEIRO comezaba cunha imaxe singular: Un coche taponaba durante horas o acceso ao parque de bombeiros impedindo a saída dos camións.
Unha denuncia impactaba socialmente durante eses primeiros días do ano: o testemuño desgarrador dunha nai sobre os abusos sexuais que sufría a súa filla adolescente.
Neste mes tamén foi moi seguida a boa noticia do Servizo de Farmacia de Montecelo que lograba a certificación Q-Pex, un recoñecemento pioneiro a nivel mundial.
FEBREIRO quedou marcado pola traxedia marítima: o falecemento dun veciño de Noalla ao caer co seu vehículo ao mar en Portonovo e a morte dunmariñeiro en Raxó.
O mes pechábase cun fatal accidente laboral na histórica Fábrica da Cross. Todos estes sucesos foron seguidos masivamente polos lectores de PontevedraViva.
MARZO trouxo unha das historias máis emotivas: o reencontro do turista alemán Gunter coa súa cadela Molly , que mobilizou a toda a comunidade na súa procura na contorna do río Lérez.
Tamén destacou o curioso incidente do tráiler de Xaén encaixado na Canicouva e o desmantelamento do asentamento chabolista da Ponte do Couto en Pontevedra, fronte ao albergue de peregrinos.
Segundo trimestre: Da loita pola vida á traxedia
ABRIL estivo protagonizado pola conmovedora historia de Estefanía Blanco e a súa procura dun doante de medula .
O deporte local choraba a perda de Maite Méndez , referente do Club Baloncesto Arxil e da actividade deportiva na cidade durante 24 tempadas.
Entre as noticias singulares destacaba durante este mes a intervención dunhabicicleta trucada a un 'rider' .
En maio chegaba a esperada noticia do doante compatible para Estefanía Blanco en América.
Tamén o encontro do atleta Jacobo Soler cun xabaril en pleno centro urbano captou a atención dos lectores.
XUÑO rexistrou o suceso máis impactante do ano: o tráxico accidente na Autovía do Salnés causado por un vehículo que circulaba en sentido contrario, seguido por miles de persoas a través de PontevedraViva.
Tamén conmocionou a denuncia contra unha profesora en Bueu por presuntamente ser a autora de atar a estudantes de tres anos por darse bicos na aula.
Entre as curiosidades que provocaron sorpresa na audiencia figura a historia da parella norueguesa que descubría unha perla nunha ostra mentres ceaban no centro histórico pontevedrés.
Terceiro trimestre: Realeza, tradición e sucesos
XULLO ofreceu unha das noticias máis seguidas coa benvida oficial á princesa Leonor á Escola Naval de Marín para continuar coa súa formación.
As queixas polo servizo de Monbus ás praias de Marín evidenciaron problemas no transporte en autobús durante o verán.
AGOSTO combinou a polémica do párroco de Bordóns , que renunciou tras darlle unha labazada a un veciño, coa romántica petición de matrimonio de Johnny Güimil durante un festival.
O Baile de Gala do Liceo Casino mantivo a súa tradición con 19 mozos debutantes e un amplo seguimento a través das redes sociais de PontevedraViva.
SETEMBRO achegou a noticiable visita familiar do rei emérito Juan Carlos á princesa Leonor en Marín, xunto aos reis Felipe e Letizia.
A celebración do centenario de Conchita, a mestra "máis chupiguay" do Crespo Rivas, foi unha das historias máis entrañables e máis seguidas na web.
Último trimestre: Entre a solidariedade e a fortuna
OUTUBRO comezou coa renovación de imaxe de PontevedraViva na súa 12º aniversario, acto ao que asistía Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, entre outras autoridades.
O temporal 'Kirk' causaba durante este mes importantes danos nas Rías Baixas, que tiveron un amplo seguimento.
NOVEMBRO destacou pola solidariedade cos afectados pola DANA valenciana con iniciativas privadas e o a marcha de efectivos ás zonas alagadas .
A renuncia de Zara á súa macrotienda en Michelena foi outra das noticias máis vista ao longo deste mes.
A despedida dos Mozos de Arousa do programa 'Reacción en cadea' tras ano e medio imbatibles provocou a reacción dos seus fieis seguidores.
DECEMBRO pechou o ano coa alegría do Sorteo de Nadal, que repartiu o cuarto premio (77768) en varios puntos da comarca, deixando aproximadamente 200.000 euros libres de impostos en cada serie premiada.