O desastre provocado pola vertedura de máis de 26 toneladas de microplásticos ao mar en decembro por un cargueiro liberiano fronte ás costas de Portugal apenas é lembrado pola cidadanía.
No Partido Popular até se permiten facer chistes daquilo, como ocorre no seu vídeo do Nadal no que o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, repite aquela frase pronunciada durante os días de máxima tormenta política.
Foi cando lle preguntaron que pasaba cos microplásticos inxeridos polos peixes e contestou "tranquilos, que todos entran por onde entran e saen por onde saen".
Houbo quen comparou a frase cos famosos hilillos de plastilina buscando paralelismos entre crises anteriores como a do Prestige. Pero certamente había máis diferenzas que semellanzas.
O 8 de decembro do ano pasado a Dirección Xeral de Recursos Naturais, Seguridade e Servizos Marítimos de Portugal emitiu un informe apuntando que o buque Toconao perdera seis colectores cargados de pellets fronte ás costas de Viana do Castelo.
Esta información trasladouse tamén á Axencia Europea de Seguridade Marítima e ás autoridades españolas pero a Xunta sostén que recibiu o "aviso oficial 25 días despois" por parte do Goberno.
Entón activouse o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental, 'Plan Camgal'. A Xunta defende que "actuou con serenidade" e "responsabilidade" fronte ao "inmovilismo total e absoluto" do Goberno de España.
Con todo, o Executivo central desmentiu esa afirmación e revelou conversas entre administracións que evidenciaban que a Xunta tiña coñecemento do que estaba a ocorrer 21 días antes do que dicía.
Antes de que actuasen as autoridades autonómicas ou estatais algúns concellos empezaron a actuar pola súa conta do mesmo xeito que centos de persoas voluntarias autoorganizadas a través de grupos de WhatsApp recollían pellets nas praias.
A oposición canalizou oenfado pola xestión deste desastre medioambiental enchendo a praza do Obradoiro de Santiago de Compostela nunha manifestación de protesta.
Ecoloxistas en Acción e Podemos, entre outros colectivos, presentaron denuncia pola posible existencia dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente por parte da armadora do cargueiro Toconao, con sede nas Bermudas.
Con todo, non foi posible que a armadora ou os donos da carga do Toconao asumisen as súas responsabilidades legais debido á ausencia dunha regulación específica sobre o transporte de pellets.
Por tanto, as tarefas de limpeza e mitigación da vertedura contaminante quedaron nun limbo financeiro e operativo, tendo que asumir a factura as arcas públicas das diferentes administracións.
Recentemente, o Consello de Medio Ambiente da Unión Europea deu luz verde a posición dos gobernos europeos sobre un regulamento que trata de reforzar os controis para reducir o risco de verteduras destes microplásticos ao mar.
Por certo que, a vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, participou na votación acompañada pola conselleira galega de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez. Despois de tanta confrontación finalmente ambas coincidiron en votar a favor desta nova normativa.