Tras case dous anos á fronte do goberno galego, do que se fixo cargo tras o salto de Alberto Núñez Feijóo á política nacional, Alfonso Rueda xa é presidente da Xunta "por méritos propios". Logrouno tras revalidar a súa maioría absoluta nas eleccións celebradas en febreiro.
E iso que Ana Pontón, a líder do BNG, non llo puxo fácil. O chamado 'efecto Pontón' levou aos nacionalistas a uns resultados históricos. Seus foron 25 deputados -oito deles en Pontevedra-, pero a desfeita do PSdeG-PSOE, que quedou en 9, impediu o cambio en Galicia.
O Partido Popular, con 40 deputados, renovou a súa cómoda maioría absoluta. Foron dous menos que en 2020 pero, en todo caso, dous máis dos 38 que necesitaba para que o político pontevedrés puidese seguir gobernando en solitario.
As eleccións do 18F permitirán ademais a entrada dun cuarto partido no Parlamento galego. Foi Democracia Ourensá, que sentou ao seu candidato no Pazo do Hórreo.
Os demais partidos que se presentaron a estes comicios en Galicia quedaron moi lonxe de conseguir deputado. Os galegos non deron nin a Vox, nin a Sumar, nin a Podemos opción algunha.
Preto de dous meses despois, a mediados de abril, Rueda tomaba posesión como presidente. No seu discurso defendeu o "estilo Galicia", baseado na moderación, a prosperidade e o 'sentidiño' co que prometeu gobernar o seguintes catro anos.
E non tardou en rodearse dos novos membros do seu goberno, entre os que quixo contar con outra pontevedresa, María Martínez Allegue, como unha das súas persoas de máxima confianza e á que encomendou a carteira de vivenda e planificación de infraestruturas.
No seu executivo, ao que se sumou o ex alcalde da Estrada, José López Campos, como conselleiro de Cultura, mantívose o pontevedrés Román Rodríguez como responsable de Educación.
Neste oito meses de goberno, o executivo que lidera Alfonso Rueda mantivo unha estreita colaboración co Concello de Pontevedra, ao que de maneira recorrente puxo como exemplo de lealdade institucional nas súas relacións.
Así, en 2024 desatascáronse proxectos prioritarios para a cidade como a variante de Alba, que a Xunta acepta agora construír para unir a N-550 e a PO-531 ou a construción de vivenda pública, con máis de dúas mil vivendas entre Valdecorvos, A Parda e San Mauro.
A humanización da PO-546, coñecida como estrada vella de Marín, e, sen dúbida, a esperada rehabilitación do Pazo de Lourizán, que terá unha nova vida como centro de referencia forestal e turístico, son outras das intervencións que tiveron este ano un impulso innegable.
A elas sumáronse proxectos como a humanización da PO-531 na contorna do colexio de Campañó ou a intervención para rehabilitar a ponte medieval de Ponche Sampaio, unha actuación celebrada polos dous concellos que une, Pontevedra e Soutomaior.