Rescatar a sanidade pública e acurtar as esperas, o "gran acordo de país" que propón Besteiro

Pontevedra
12 de febreiro 2024

Quince eixos ten o "gran acordo de país" que ofreceu este luns o candidato do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, para recuperar a sanidade pública "universal e de calidade" tras os recortes que, ao seu xuízo, realizou o PP durante todos estes anos

Encuentro de José Ramón Gómez Besteiro con profesionais sanitarios
Encuentro de José Ramón Gómez Besteiro con profesionais sanitarios / PSdeG-PSOE

Quince eixos ten o "gran acordo de país" que ofreceu este luns o candidato do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, para recuperar a sanidade pública "universal e de calidade" tras os recortes que, ao seu xuízo, realizou o PP durante todos estes anos.

O plan, segundo avanzou Gómez Besteiro, está baseado en rescatar a Atención Primaria, duplicar os profesionais de saúde mental e axilizar as probas diagnósticas, entre outras medidas.

Así, anunciou un plan de choque para incrementar o investimento na sanidade pública, reforzando a Atención Primaria, garantindo a cita co médico de cabeceira en menos de 48 horas e acceso a un centro sanitario en menos de media hora para toda a cidadanía.

Ademais, habilitará o uso das instalacións hospitalarias en horarios ampliados con contratacións extraordinarias para rematar coas listas de espera de consultas, probas diagnósticas e cirurxías.

"A sanidade publica está enferma coas políticas de Rueda pero temos solucións. Hoxe se funciona é polo esforzo dos seus traballadores e non pola súa dirección", sostivo.

O candidato socialista comprometeuse a aumentar de forma progresiva o investimento en sanidade, a garantir o servizo de pediatría en todo o país, a reforzar os recursos de hospitalización a domicilio e a aumentar as ambulancias na rede galega incorporadas ao sistema público.

Gómez Besteiro explicou que no seu primeiro mandato duplicará os especialistas en saúde mental, incorporando esta especialidade á Atención Primaria; e impulsará un plan de prevención das condutas suicidas en cada área sanitaria.

Con respecto ao persoal, o candidato socialista subliñou que incrementará o número de profesionais sanitarios, mellorando as condicións laborais,  incentivando as prazas de difícil cobertura e garantindo a carreira profesional.

Tamén ampliará as categorías profesionais de Atención Primaria ampliando as que actualmente están infrarrepresentadas, entre elas fisioterapia, e incorporando novos profesionais que agora non hai, como podólogos ou optometristas.

Os socialistas galegos convocarán todas as prazas de formación habilitadas en Atención Primaria e garantirán contratos de ata tres anos de duración aos médicos que rematen a súa formación MIR nesta especialidade. 

Finalmente, anunciou que reformulará os centros de orientación familiar para convertelos en centros de saúde sexual e reprodutiva para toda a poboación, asegurando o dereito á interrupción voluntaria do embarazo dentro da sanidade pública e en todas as etapas.

Arquivado en