Récord de ocupación: "Dende que se anunciou o tríatlon temos reservado o 100% das habitacións"

Pontevedra
17 de setembro 2023

Un evento da magnitude da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon transcende o estritamente deportivo. As estimacións de ocupación hoteleira auguran un éxito absoluto e un retorno económico en diversos sectores

Maletas de turistas na recepción dun hotel de Pontevedra
Maletas de turistas na recepción dun hotel de Pontevedra / Mónica Patxot

Un evento da magnitude da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon transcende o estritamente deportivo. As estimacións de ocupación hoteleira auguran un éxito absoluto e un retorno económico en diversos sectores, como a hostalería ou o comercio. 

Sondados varios hoteis de Pontevedra, atopámonos con que a maioría de reservas durante a competición inclúen aloxamento e almorzo, polo que, tanto para comidas como ceas, os negocios de restauración da cidade tamén se van ver beneficiados.

Dende o Concello de Pontevedra calcúlase que o número de espectadores seguindo a Gran Final estará por riba das 12.000 persoas. Para dar cobertura a esta afluencia de público, unida ao despregamento de deportistas, persoal de apoio dos equipos participantes, familiares, autoridades de federacións de diversos países e medios de comunicación, entre outros, o consistorio pontevedrés empezou a planificación do evento hai máis dun ano.

A nós benefícianos porque son reservas que tes aseguradas con moita antelación

"Para os grandes eventos deportivos, dende Alcaldía póñense en contacto cos hoteis de Pontevedra, dannos as datas por adiantado e pregúntannos polo número de camas dispoñibles", indica Paula Lourido, a presidenta da Asociación de Hoteleiros de Pontevedra. "Ao ser un campionato desta envergadura, o Concello fai un esforzo económico importante, pídennos con moita antelación o bloqueo dun número de camas, e a nós benefícianos porque son reservas que tes aseguradas con moita antelación". No Hotel Madrid, do que Lourido é xerente, aloxaranse tres equipos diferentes "todos contratados a través de axencia". 

Unha vez confirmada a celebración da Gran Final en Pontevedra, unha axencia designada pola Federación Española de Tríatlon encargouse de distribuír entre os hoteis de Pontevedra e localidades próximas aos membros dos equipos que intervirán nas probas. No caso do hotel Galicia Palace "dende o momento en que se adxudicou o operador de turismo que ía levar o evento reservouse todo o hotel, habitacións, salóns e párking", sinala a súa directora Patricia Sierra. Ademais, ao tratarse de delegacións internacionais, para axustarse a traslados e voos, a estancia anticiparase varios días e tamén se prolongará máis aló das datas da competición (20-24 setembro). "Do luns 18 ao 26 de setembro está todo o hotel reservado".

Moitas delegacións prolongan a estadía máis aló das datas de competición

Tamén na dirección do Hotel Rías Bajas confirman que "dende que se anunciou o Mundial de Tríatlon hai un ano temos reservadas o 100% das habitacións", tanto as contratadas a través da axencia da Federación como directamente cun club internacional que repite estancia no céntrico hotel.

No caso do Hotel Avenida, o seu director Borja Vence avanza que as reservas a poucos días do comezo da competición están ao 90% da capacidade do seu establecemento, pero que a prevén completar en breve. Paula Lourido, dende a presidencia dos hoteleiros pontevedreses, explica o porqué de que algúns hoteis aínda non colgasen o cartel de completo: "é unha pequena marxe que se deixa" para cubrir con outro tipo de clientes, en caso de non ter esgotado todas as prazas coas reservas da axencia oficial do evento.

O Cityexpress Hotel Comercio-Pontevedra é un exemplo daqueles establecementos que gardaron todas as súas habitacións para clientes particulares. Con todo, "do 20 ao 24 de setembro estamos completos". Dende o establecemento hoteleiro indican que as reservas se fixeron "con moita antelación" a través de plataformas como Booking, Expedia e HotelBeds, principalmente. Todo fai indicar que estes hóspedes están relacionados coa Gran Final de Tríatlon.

Os hoteis das poboacións da contorna de Pontevedra tamén están a rexistrar un alto volume de reservas

Os hoteis das poboacións da contorna de Pontevedra tamén están a rexistrar un alto volume de reservas, como o Hotel Don Pepe de Poio, onde non hai ningunha praza dispoñible para os días do campionato.

Un caso especial é o de Sanxenxo, a localidade próxima a Pontevedra que oferta o maior número de habitacións, un total de "9.000 prazas, só contando hoteis e pensións", afirma Alfonso Martínez, o presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo. 

"Cónstame que hai once hoteis completos con equipos e un número alto de reservas individuais relacionadas co tríatlon", comenta Martínez. Este último dato extráeo das impresións dos seus asociados, que están a rexistrar un gran número de reservas dende o estranxeiro, un tipo de visitantes que non son habituais na terceira semana de setembro. Insiste en que ata que non se realice a enquisa de final de mes non poderá ter cifras de ocupación real, pero á vista do voluminoso número de reservas permítese asegurar que a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon "é o evento con maior repercusión".

En Sanxenxo, o Hotel Carlos I Silgar vai concitar aos máximos representantes das federacións internacionais, ao albergar o Congreso Mundial de Tríatlon. "No noso caso, imos aloxar aos presidentes das federacións internacionais, aos comités, adestradores…", expón Aldara Garrido, a directora comercial do hotel. As reservas están pechadas dende hai un ano do 20 ao 24 de setembro, datas para as que teñen completa a oferta de habitacións.