O Concello de Pontevedra xunto á Policía Local elaborou un dispositivo especial de tráfico para a Gran Final das Series Mundiais, co obxectivo de minimizar o máximo posible as molestias aos veciños da cidade.
A recomendación de mobilidade máis importante é a de circular, na medida do posible, usando as vías exteriores da capital, en especial aquelas que basculan sobre a zona sur. Trátase de evitar as máis centrais, como o acceso desde As Correntes á AP-9 por Bombeiros e a estrada da costa e Vilagarcía.
Como alternativa cara ao norte recoméndase utilizar a ponte das Palabras, que comunica Lérez con Monte Porreiro, para evitar a zona de Tirantes e arredores, onde estará situado o epicentro dos mundiais e as súas respectivas carreiras.
Un dos momentos críticos está previsto para a mañá do domingo 24 de setembro, xa que para que a competición prevista póidase desenvolver será necesario cortar un tramo da Nacional 550, ata Barro.
Ademais o plan de mobilidade contempla o corte de rúas unha hora antes de cada unha das carreiras e ata aproximadamente media hora despois, afectando principalmente a rúas como a Avenida de Bos Aires, Cruz Vermella ou as que rodean ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD).
Entre o resto de accións destaca o cambio de sentido de circulación da rúa Santa Clara para facilitar a residentes e tráfico imprescindible o acceso a garaxes e especialmente aos aparcamentos públicos.
A organización puxo en marcha unha campaña de comunicación das diferentes medidas que inclúe máis de 30.000 envíos de información a domicilios da cidade e a distribución das indicacións na publicidade exterior do evento. Ademais habilitouse un número de teléfono (986 833 080) ao que calquera persoa pode chamar para obter unha información concreta e personalizada sobre a operatividade viaria da cidade. Estará atendido por persoas e funcionará a calquera hora do día.