Rajoy, agredido en Pontevedra: a imaxe do ano

Pontevedra
02 de xaneiro 2016

Se hai unha imaxe de 2015 que quedará no recordo dos pontevedreses, esa é sen dúbida a de Mariano Rajoy tras ser agredido por un mozo durante un paseo pola súa cidade. Esa fotografía, realizada por Mónica Patxot para PontevedraViva -a primeira que mostraba ao presidente do Goberno tras o suceso-, deu a volta ao mundo, sendo portada en todos os medios nacionais e internacionais

Mariano Rajoy logo da agresión
Mariano Rajoy logo da agresión / Mónica Patxot

Se hai unha imaxe de 2015 que quedará no recordo dos pontevedreses, esa é sen dúbida a de Mariano Rajoy tras ser agredido por un mozo durante un paseo pola súa cidade.

Esa fotografía, realizada por Mónica Patxot para PontevedraViva -a primeira que mostraba ao presidente do Goberno tras o suceso-, deu a volta ao mundo, sendo portada en todos os medios nacionais e internacionais. É, a xuízo de moitos xornalistas españois, a imaxe do ano pola relevancia da noticia.

Todo ocorreu o pasado 16 de decembro. Rajoy protagonizaba un paseo electoral por Pontevedra, acompañado entre outros da ministra de Fomento, Ana Pastor. Na praza da Peregrina achegóuselle o seu agresor, un mozo de 17 anos que, aproveitando o tumulto que rodeaba ao dirixente popular, golpeouno violentamente na cara facéndolle saltar as lentes. 

O menor, que foi reducido inmediatamente polos escoltas do presidente e detido posteriormente pola Policía Nacional, foi despedido entre aplausos duns e improperios doutros.

Desde que se produciu a agresión, sucedéronse as mostras de solidariedade con Rajoy que, esa mesma noite retomaba a súa axenda pública cun mitin na Coruña e, ao día seguinte, confirmaba que non presentaría denuncia contra o mozo que lle pegou a puñada.

A pesar diso, o mozo foi ingresado por orde do xuíz nun centro de menores de Ourense, imputado por un delito de atentado á autoridade, pero agravado pola persoa vítima das súas accións, un presidente do Goberno. Podería ser condenado a unha pena de ata seis anos de internamento.