Rafa Domínguez aposta por "unha revolución fiscal" que permita axudar ás empresas

Pontevedra
20 de maio 2019

Acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, Domínguez recalcou a necesidade de impulsar "un proxecto de cidade que xere oportunidades de futuro para os pontevedreses"

Rafa Domínguez, Francisco Conde e Carlos Conde
Rafa Domínguez, Francisco Conde e Carlos Conde / Nacho Fuentes

O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, aposta por "unha revolución fiscal" que permita axudar ao tecido empresarial de Pontevedra. Así o anunciou este luns durante a visita que realizou á nova sede central que a empresa pontevedresa Carlos Conde Peluquería Masculina abrirá proximamente na rúa A Estrada.

Acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, Domínguez recalcou a necesidade de impulsar "un proxecto de cidade que xere oportunidades de futuro para os pontevedreses". "Temos a taxa de paro máis elevada das sete cidades galegas e somos o municipio que menos empresas crea. O noso obxectivo é darlle a volta a esta tendencia, queremos que Pontevedra creza", sinalou o candidato popular.

Así, comprométese a baixar o IBI un 10% o primeiro ano; a reducir un 25% o imposto de vehículos de tracción mecánica (viñeta) e un 50% para os vehículos verdes. Ademais aposta pola adhesión do Concello de Pontevedra ao programa "Doing Business" que permitirá fomentar a instalación de industria na nosa comarca e implica bonificacións de ata o 95% no IBI, o ICIO e o IAE.

Pola súa banda, Francisco Conde lembrou que "a forma de favorecer o emprendemento é establecer alianzas entre administracións". "A colaboración entre Concello e Xunta de Galicia debe ser o principal activo que debe ter un proxecto", engadiu. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria confía en que a partir do próximo 26 M, "Pontevedra dea un xiro ás políticas de apoio aos emprendedores" para que poidan beneficiarse de bonificacións fiscais ademais dunha necesaria axilidade administrativa.

"Rafa Domínguez está comprometido co emprego, está comprometido cos emprendedores, cos autónomos. Ten un proxecto que axudará a impulsar novas ideas e establecer unha nova dinámica", destacou Conde quen considera que non existe xustificación para que "Pontevedra sexa a cidade coa taxa de paro máis alta de Galicia, salvo que existe un concello que non colabora coa industria nin co emprendemento" porque "a única política que ten é destruír emprego". O conselleiro puxo como exemplo Ence e Elnosa, "dous casos verdadeiramente dramáticos para Pontevedra e para Galicia".

Lamenta ademais "que non se coñeza ningún tipo de iniciativa por parte do BNG de Lores para a creación de postos de traballo".

"Pontevedra ten que asumir un cambio, sobre todo cando se fala de emprego, de emprendemento e de favorecer á actividade económica", manifestou Conde en declaracións aos medios tras reiterar que "desde a Xunta de Galicia continuaremos colaborando cos concellos que realmente queren facilitar a creación de emprego". Neste sentido, fixo fincapé no programa " Doing Business", "unha alianza que queremos establecer cos concellos". Actualmente, 121 concellos están adheridos a este programa, Pontevedra non quixo sumarse.

"Pontevedra ten un reto, un desafío, e sobre todo unha débeda pendente coa creación de emprego", sentenciou.