Rafa Domínguez aposta por patrocinar as festas rurais para que sexan atractivas "para visitantes e turistas"

Pontevedra
14 de maio 2023

"As festas rurais son unha expresión da nosa cultura e as nosas tradicións, e debemos apoialas e promovelas. Desde o Concello, imos patrocinar estas festas e a traballar para que sexan cada vez máis populares e atractivas para visitantes e turistas", asegurou este domingo o candidato popular

Acto electoral de Rafa Domínguez en Tomeza
Acto electoral de Rafa Domínguez en Tomeza / Partido Popular de Pontevedra

O candidato do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou este domingo nun acto celebrado en Tomeza a súa intención de patrocinar as festas rurais do municipio se é elixido alcalde.

"As festas rurais son unha expresión da nosa cultura e as nosas tradicións, e debemos apoialas e promovelas. Desde o Concello, imos patrocinar estas festas e a traballar para que sexan cada vez máis populares e atractivas para visitantes e turistas", asegurou o popular.

Domínguez sinalou ademais a importancia de manter e promover a cultura e as tradicións como unha forma de revitalizar estas zonas.

Por todo iso nos seus plans, asegura, está a implementación de medidas para a posta en valor do patrimonio artístico e cultural das parroquias.

"As parroquias de Pontevedra son un tesouro cultural que debemos protexer e poñer en valor. Moitas delas contan cun patrimonio artístico e cultural impresionante, que a miúdo é descoñecido e non se promociona adecuadamente", asegurou o representante do PP local prometendo que creará un programa de restauración e mantemento de igrexas e monumentos.