Primeira toma de contacto dos deportistas co circuíto das Series Mundiais

Pontevedra
19 de setembro 2023

A zona de natación habilitada no río Lérez viviu este martes a primeira das dúas xornadas oficiais de adestramento. Ademais, moitos deportistas aproveitan as súas primeiras horas na cidade para recoñecer o percorrido ciclista e da carreira a pé polo que competirán na Gran Final das Series Mundiais

Xornada oficial de adestramento no río Lérez previa á Gran Final das Series Mundiais
Xornada oficial de adestramento no río Lérez previa á Gran Final das Series Mundiais / Mónica Patxot

Cada hora que pasa e achégase a inauguración da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon o ambiente na cidade de Pontevedra é maior.

En cada esquina, a presenza de deportistas, adestradores, familiares e afeccionados faise notar.

Un dos grandes puntos de actividade este martes 19 de setembro foi o río Lérez, na contorna da ponte dos Tirantes, na zona de natación habilitada para os campionatos.

Era a primeira das dúas xornadas de adestramentos oficiais marcados pola organización (martes 19 e mércores 20), coa posibilidade de botarse á auga e probar por espazo de dúas horas as condicións nas que competirán, sen necesidade de reserva.

A actividade é tamén frenética nas piscinas do Complexo Deportivo Rías do Sur, habilitada para adestramentos de deportistas elite, sub-23 e paratríatlon, así como en Campolongo, opción ofrecida aos grupos de idade ao igual as piscinas de Portonovo e unha máis en Vigo.

Ademais son moitos os deportistas que están a aproveitar as súas primeiras horas na cidade para recoñecer de primeira man os percorridos ciclistas e de carreira a pé polos que competirán a fin de semana.

Un ambiente espectacular que supón só o aperitivo do que está por chegar.