Pontón reivindica Pontevedra como exemplo de como o BNG pode ser "chave" para derrotar o PP

Pontevedra
19 de setembro 2016

Tras destacar que un goberno do BNG, con Miguel Anxo Fernández Lores á fronte, tivo a "audacia" de converter unha cidade que co PP era "decadente" nun referente internacional en calidade de vida, Pontón garantiu que os nacionalistas usarán esa mesma "receita" para darlle o "finiquito político" a Feijóo nas eleccións do 25-S

Mitin do BNG con Ana Pontón na Praza do Teucro na campaña do 25-S
Mitin do BNG con Ana Pontón na Praza do Teucro na campaña do 25-S / Mónica Patxot

Pontevedra é o principal feudo do BNG. E iso quedou demostrado de novo este luns. Arroupada por centos de persoas, a candidata nacionalista á presidencia da Xunta, Ana Pontón, ofreceu este luns un mitin na praza do Teucro onde, precisamente, puxo á cidade do Lérez como exemplo de como o seu partido pode ser "chave" para derrotar ao PP.

Tras destacar que un goberno do BNG, con Miguel Anxo Fernández Lores á fronte, tivo a "audacia" de converter unha cidade que co PP era "decadente" nun referente internacional en calidade de vida, Pontón garantiu que os nacionalistas usarán esa mesma "receita" para darlle o "finiquito político" a Feijóo nas eleccións do 25-S.

En todo caso, a líder do BNG recoñeceu que Pontevedra "aínda me pode gustar máis", algo que ocorrerá, dixo, "cando saquemos a Ence da ría de Pontevedra".

Desde a praza do Teucro, escenario habitual dos últimos mitins do BNG, Ana Pontón insistiu na necesidade de que Galicia conte cunha Facenda propia para "quitarlle a chave" do seu diñeiro ao actual ministro en funcións, Cristóbal Montoro, e que o goberno galego teña "capacidade real" para fixar as súas prioridades de gasto e de investimento.

Ana Pontón explicou que esta medida supoñería tres mil millóns de euros adicionais para as arcas autonómicas que a Xunta podería destinar a financiar políticas activas de emprego, "blindar" os servizos sociais, apoiar os sectores produtivos galegos, complementar as pensións "máis baixas de toda España" e actuar en casos de emerxencia social.

Para logralo, dixo a candidata do BNG, "hai que quitarlle a maioría absoluta a Feijóo" para que Galicia poida "pasar unha páxina escura" e, neste sentido, situou ao seu partido como a "chave" para derrotar á dereita, xa que "con toda probabilidade" o último deputado nas catro provincias disputarase entre o BNG, o PP e a súa "muleta", Ciudadanos.

A líder do BNG recoñeceu que Pontevedra "aínda me pode gustar máis", algo que ocorrerá, dixo, "cando saquemos a Ence da ría de Pontevedra"

Ademais, Pontón identificou a Feijóo como un "cómplice necesario" na corrupción do PP e lamentou que aos populares "só lles importan os millóns de votos perdidos por culpa da corrupción e non os que roubaron os amigos do PP, os millóns dedicados a liquidar as caixas ou os millóns que se foron á privatización do hospital de Vigo".

No mitin tamén participou o candidato do BNG por Pontevedra, Luís Bará, que sinalou aos nacionalistas como o "voto útil" para impedir a maioría absoluta do PP e mostrouse optimista ante a "remontada" do BNG grazas ao que chamou o "efecto Pontón" e a ser o único partido "100% galego".

Os políticos do BNG, engadiu, "non vimos de Madrid para sacar vantaxe para futuras eleccións" como Rajoy, Sánchez ou Errejón. Con respecto a estes dous últimos, PSOE e Podemos, Bará dixo que "debería darlles vergoña" pedir o voto en Galicia, porque son os responsables de que o PP teña unha "vida extra" en Madrid e que non haxa un goberno "alternativo" ao PP.

Arquivado en