Pontón propón baixar o IVE dos alimentos básicos, libros de texto gratis e un bono transporte para axudar ás familias

Pontevedra
09 de febreiro 2024

Unha das principais preocupacións da cidadanía, a carestía da vida, foi o asunto central que abordou este venres a candidata do BNG á presidencia de Xunta, Ana Pontón, que presentou as súas medidas para axudar ás familias ante a "desorbitada" subida de prezos

Ana Pontón, nunha praza de abastos
Ana Pontón, nunha praza de abastos / BNG

Unha das principais preocupacións da cidadanía, a carestía da vida, foi o asunto central que abordou este venres a candidata do BNG á presidencia de Xunta, Ana Pontón, que presentou as súas medidas para axudar ás familias ante a "desorbitada" subida de prezos.

"Moitas familias están tendo problemas porque os salarios non dan máis de si mentres soben a cesta da compra, as hipotecas, os carburantes ou os prezos da vivenda", subliñou Pontón durante unha visita a un mercado de abastos.

Neste sentido, avanzou que as primeiras medidas que porá en marcha como presidenta será a gratuidade dos libros de texto de cara ao inicio do próximo curso escolar ou recuperar a tarxeta básica para que as familias con menos recursos compren alimentos e medicinas.

Explicou que, a este respecto, pretende negociar a rebaixa do IVE nos produtos de alimentación básica, como a carne ou o peixe, un IVE superreducido do 4% que o BNG pedirá que se aplique tamén á factura do gas e, de xeito permanente, na da luz.

A todo isto, a candidata do BNG engadiu un bono transporte que permita viaxar por 30 euros ao mes en calquera modalidade do transporte público, xa sexa en tren, autobús ou transporte de ría, "axudando ás familias e tamén promoveremos unha mobilidade máis sostible".

Pontón referiuse, por outra banda, á preocupación que supón os prezos da vivenda, para o que explicou que habilitará arredor de 12.000 vivendas públicas nos vindeiros anos a través da compra masiva de vivenda baleira para ofrecela en réxime de aluguer a prezo limitado.

Por último, fixo un chamamento a todas as persoas que están preocupadas pola situación económica, a suba de prezos, a precariedade laboral e os salarios para que voten a un BNG que "vai estar á altura da súa confianza traballando día a día por mellorar as súa vidas".

Arquivado en