Pontón promete unha Galicia "que non perda o tren" e teña máis conexións e frecuencias

Pontevedra
06 de febreiro 2024

O servizo de cercanías Pontevedra-Vigo e A Coruña-Ferrol, un dos acordos acadados polo BNG no pacto co PSOE para a investidura do PSOE, será só unha das iniciativas da que, segundo Ana Pontón, debe ser a "lexislatura do tren" en Galicia  

Ana Pontón, na estación de trens de Santiago
Ana Pontón, na estación de trens de Santiago / BNG

O servizo de cercanías Pontevedra-Vigo e A Coruña-Ferrol, un dos acordos acadados polo BNG no pacto co PSOE para a investidura do PSOE, será só unha das iniciativas da que, segundo Ana Pontón, debe ser a "lexislatura do tren" en Galicia.

Para a candidata do BNG á presidencia da Xunta, o tren "ten que ser o medio por excelencia da mobilidade sostible" para vertebrar o país, garantir unha comunicación rápida e segura entre as cidades e vilas galegas e para combater o cambio climático.

"Fronte a un PP que lle deu as costas ao tren, o goberno do BNG porá o tren no primeiro plano da acción de goberno", sostivo Pontón, que avanzou que o goberno que aspira a presidir exercerá todas as competencias na materia para mellorar o transporte por tren.

Así, anunciou a creación dun ente ferroviario galego, chamado Galtren, pensado para que Galicia teña un "tren do século XXI", mellorando conexións, frecuencias e horarios, coa prioridade de vertebrar por tren o interior de todo o país.

Nesta liña, a candidata nacionalista márcase como prioridade que todas as cidades galegas estean conectadas con servizos "que nos permitan ter unha mobilidade rápida" e suplir, entre outras, "a carencia que ten Lugo" cunha conexión directa con Santiago de Compostela. 

O ferrocarril, segundo a líder do BNG, recibirá un impulso co seu goberno tamén para o transporte de mercadorías co impulso do Corredor Atlántico, unha infraestrutura que ve fundamental para incrementar a competitividade das empresas galegas.

Ademais, Ana Pontón reiterou que considera "estratéxica" a conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto, coa construción da saída sur en Vigo e a aprobación dun calendario que permita que esta infraestrutura entre Galicia e Portugal sexa unha realidade para o ano 2030.

Arquivado en