Nove días despois, chegou o momento de dicir adeus aos mundiais de tríatlon, o ITU Multisport Festival que encheu Pontevedra de deporte e actividade e que este sábado baixou o pano cun multitudinario fin de festa na praza de España. O fin de festa congregou a milleiros de persoas que acudiron á cerimonia de clausura e ao broche musical, que estivo a cargo de Doctor Queen.
Durante a cerimonia de clausura rendeuse homenaxe aos triatletas que se converteron en lendas neste ITU 2019, entre os que figuran varios pontevedreses: Javi Gómez Noya e Pablo Dapena son campión e subcampión do Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia; Saleta Castro foi novena na proba feminina; e Manuel Cruces, un dos pioneiros do tríatlon na cidade, conseguiu a medalla de prata mundialista no seu grupo de idade (75-79).
Ademais, tomou a palabra o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que, como anfitrión, deu as grazas en galego, español e inglés a todos os que fixeron posible o evento deportivo, ao tempo que deixou ver que este é só o inicio. "Hoxe podemos dicir que non temos límites, e iremos a por máis. Palabra que isto algún día se repetirá", destacou, mentres estaba presente no escenario tamén a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva.
O colofón musical estivo a cargo de Dr Queen, banda tributo ao mítico grupo liderado por Freddy Mercury, que pechou esta semana chea de deporte, cultura e música.