Garantir as necesidades da poboación infantil é garantir as necesidades do resto da poboación. Desta máxima parte o proxecto italiano "A cidade dos nenos" que deu lugar á creación dunha rede internacional de cidades adheridas, entre as que se atopa desde 2013 Pontevedra.
Unha adhesión que se producía despois de que esta cidade albergase ese mesmo ano as II Xornadas de estudo e experiencias "Infancia e cidade" en colaboración co Centro Nacional de Educación Ambiental, pertencente ao Ministerio de Medio Ambiente.
Naquela convocatoria tomou parte o promotor da rede "A cidade dos nenos", o pedagogo italiano Francesco Tonucci, quen propuxo a adhesión ante as actuacións que o Concello de Pontevedra viña realizando dende hai 14 anos.
Un ano antes desta inclusión, en novembro de 2012, a Fundación Meniños -ONG dedicada á protección da infancia e a adolescencia- declarou a Pontevedra como "Cidade Solidaria coa infancia", sendo a primeira cidade española que dispoñía do devandito recoñecemento. Unha declaración que se sustentaba nun decálogo que recoñecía unha serie de iniciativas, proxectos e actuacións multidisciplinares que fomentan a autonomía do neno, á vez que tamén os integra na dinámica diaria da cidade.
Pontevedra tamén foi pioneira, en 2010, na posta en marcha dun ambicioso proxecto: os camiños escolares. Un plan de educación viaria integral, a través do cal os escolares acoden aos seus centros a pé sen compañía dos adultos. Aínda que os principais artífices son os menores, o programa implica á propia administración local, pais, profesores, voluntarios, colectivos veciñais e comerciais.