'Horizonte Verde', así se titula a proposta para conseguir un "futuro sustentable" e que centrou o último día de campaña de Podemos- EU, Son en Común.
A formación propón traballar cara a un novo modelo urbano menos dependente das enerxías fósiles e máis eficiente, no que "se potencie o transporte público sustentable e eficaz e se xeneren infraestruturas para o uso das bicicletas", sinalou Quique Pérez, membro da asociación Pedaladas.
No peche de campaña estiveron presentes o candidato á alcaldía, José Ramón Otero; a número dous da lista, Bárbara García; o deputado autonómico, Marcos Cal; e a deputada autonómica Julia Torregrosa.
Segundo Pérez, "Pontevedra ten unha dependencia do automóbil moi alta: temos 483 vehículos por cada 1.000 habitantes, segundo os propios datos da DXT", sendo a primeira fonte de emisións contaminantes do municipio, polo que hai que traballar en reducir a necesidade de utilizar o vehículo privado a motor facilitando os desprazamentos a pé, en bicicleta ou en transporte público.
No plan, que cumpre as directrices do anteproxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, inclúese tamén unha estratexia de mobilidade activa, cunha rede ciclista cun paseo peonil e carril ciclista entre Marín e Pontevedra; unha vía Verde entre Pontevedra e Arcade; e unha conexión ciclista con Monte Porreiro e Montecelo. En total, 18 km de ámbito urbano e 13 km metropolitanos.
Respecto ao transporte público Podemos defende que “ten que ser eficiente, suficiente e con prezos bonificados ás persoas que non cheguen ao SMI", superando a proposta do goberno autonómico.
Como complemento a candidatura defende, entre outros asuntos, a renovación do parque móbil do Concello para substituílo por vehículos de baixas emisións.