As tres persoas máis novas da candidatura de Espazo Común para as eleccións municipais en Pontevedra quixeron saltar á palestra este sábado para mostrar a súa visión da cidade e o que pide a poboación máis nova á clase política. Trátase de Carla Barros (24), Fran Blanco (23) e Oliver Martínez (19) e, para apoialos, sumóuselles un dos rostros novos máis coñecidos da cidade, a feminista Paula Dapena.
Dapena sumouse á campaña da candidatura liderada por Maria Rey a pesar de non formar parte da súa candidatura e defendeu que unha "gran problemática" entre os mozos é a identidade de xénero, "basicamente causada por estereotipos sexistas na sociedade e que vai en auxe polas políticas de desigualdade do goberno e que poñen precisamente o foco en infancia e adolescencia".
A moza pontevedresa, moi crítica coas políticas de "desigualdade" do actual Ministerio de Igualdade de Irene Montero, quixo deixar claros algúns conceptos nos que insiste o feminismo radical, entre eles, que "a identidade de xénero é identificarse cos roles que leva máis de 300 anos tentando eliminar".
"Antes, era se es un neno e gústanche as bonecas, eras maricón. Agora se che gustan as bonecas sendo neno, es unha nena", reflexiona a nova, cuxo xesto para denunciar o machismo de Diego Armando Maradona tras a súa morte deu a volta ao mundo.
Para ela, esa concepción actual, "á parte de sexismo, é homofobia, por que é máis fácil dicir que é unha nena e naceu no corpo equivocado a que poida ser homosexual". Encaixa esta apreciación nas súas críticas á Lei Trans impulsada polo Goberno bipartito PSOE-Unidas Podemos.
Paula Dapena considera que estas cuestións teñen transcendencia a todos os niveis, tamén a nivel municipal e, para mellorar Pontevedra, considera que é necesario crear unha oficina de igualdade, "pero de igualdade de verdade", onde se poida informar as familias das consecuencias desta ideoloxía de xénero e ter un sitio ao que acudir para pedir axuda.
"Que as familias teñan máis referencias para axudar aos seus fillos e fillas a que poidan vivir libres de estereotipos e problemas médicos", demanda.
Carla Barros quixo insistir, nunha rolda de prensa no Café Moderno en que "os mozos tamén temos voz" e "non nos gusta que o único que se faga é un botellódromo" ou que haxa partidos (en alusión a POAL) que repartan canas gratis durante a campaña. "Os mozos non somos só alcol e festa", insistiu.
Moi critica coa falta de políticas de emprego do actual Goberno municipal, Barros sostivo que os mozos, tarde ou cedo, os mozos veranse "obrigados a ter que irnos fóra desta cidade para atopar emprego".
Oliver Martínez centrou a súa análise en que, a parte da falta de emprego, "un dos grandes problemas" cos que se atopa a mocidade pontevedresa é a "falta de axudas á xente que quere emprender, montar un negocio e atraer industria".
Martínez coincidiu con Fran Blanco en que a mocidade cada vez interésase menos pola política e contextualízano en que "estamos fartos de que gasten diñeiro público de todos en cousas que non necesitamos e que non se fagan as cousas que necesitamos".
"Non sentimos apoiados", insistiu Blanco, que tamén criticou que en Pontevedra "os servizos públicos non son eficientes".