As augas xa baixaban revoltas por Pasarón a finais do 2020 e o inicio do 2021 só serviu para confirmar que o ambicioso proxecto posto en mans do adestrador Jesús Ramos para levar ao Pontevedra a 1ª RFEF ou directamente ao ascenso estaba encallado nas rocas.
O equipo despediu o ano cunha dolorosa goleada no Vao e nin as boas sensacións ofrecidas nas eliminatorias de Copa do Rey contra o Cartaxena e o Cádiz serviron para endereitar o rumbo dunha nave que naufragou a primeira fin de semana de febreiro despois dun novo desastre en Pasarón contra o Zamora que levou por diante ao técnico e provocou a dimisión do director deportivo Roberto Feáns.
Coas luces de alarma soando e vías de auga polos dous costados, a xunta directiva deu o temón a un consagrado patrón. Artífice do regreso a Segunda B e da clasificación para unha fase de ascenso a Segunda, Luisito estaba de volta.
Pero Luisito non bastou. Aínda que o equipo mellorou, a falta de acerto de fronte ao gol foi un lastre insuperable e despois de caer en Riazor, nun match ball para ambos os conxuntos, os granates volveron derrubarse sobre todo animicamente.
Metidos de cheo no grupo que tiña que loitar por evitar o descenso a 3ª RFEF, os granates só foron capaces de sumar dúas vitorias. E chegou a última xornada de liga,un partido a vida ou morte en Pasarón contra o Oviedo B. O erro sería imperdoable, pero con orgullo e fútbol o Pontevedra logrou unha merecida vitoria que salvaba os mobles.
A tensión acumulada ao longo dunha liga tan rara como inxusta resolveuse en forma de bágoas e agradecemento de todo o vestiario a unha afección que, a pesar da súa decepción, seguiu á beira do equipo durante toda a tempada.
Tocaba reconstruír o proxecto. De novo a catro banzos da Primeira División, o consello de administración buscou un novo capitán e atopou a Toni Otero, que desembarcou en Pasarón para facerse cargo da dirección deportiva e reestruturar todo a organigrama futbolístico do club.
Despois de semanas de procura de adestrador, con quentes debates internos sobre a figura idónea na que uns defendían a Luisito e outros preferían caras novas,acabou chegando procedente do Langreo un inexperto Ángel Rodríguez. Cunha carreira incipiente, o principal aval do leonés era ter sido segundo adestrador de Paco Herrera.
Serio e esixente, os inicios do técnico foron moi duros. O equipo deixou escapar varias vitorias nos minutos finais dos partidos e despois de cinco xornadas sen gañar estivo con pé e medio fose do club. Os granates perdían 0-2 en casa contra o Arenteiro, pero tras o paso por vestiarios o Pontevedra cambiou o chip e salvou un empate.
A partir dese día o equipo non deixou de crecer, nin de crer. Enlazou unha xeira de catro vitorias consecutivas que só o Unión Adarve puido truncar. Tras o tropezo contra o líder e o rochoso Navalcarnero, o Pontevedra recuperou a velocidade de cruceiro para asinar outras cinco vitorias consecutivias, a última no Helmántico, coas que chegou ao final dun ano no que os granates volven ter licenza para soñar.
E un dos principais responsables deste renacer granate é un veterano. Charles, que baixou de Primeira para liderar ao conxunto granate, por fin atopou o seu lugar en Pasarón. Despide o ano como pichichi absoluto da 2ª RFEF e coa honra de converterse no máximo goleador histórico do Pontevedra.