Dous días despois de participar no multitudinario acto que o PP organizou na praza de touros, o presidente nacional do partido, Alberto Núñez Feijóo, volveu a Pontevedra. Fíxoo para protagonizar un paseo polas rúas da cidade.
Acompañado por numerosos responsables do PP pontevedrés, Núñez Feijóo chegou a Pontevedra pouco antes das cinco e media da tarde e, tras comezar na Praza de Galicia, completou un percorrido por algunhas das rúas máis céntricas da cidade.
Ao seu paso por Andrés Muruais, Peregrina ou Michelena, o líder do PP quixo entrar nalgúns dos comercios para saudar aos seus propietarios e tamén foi interpelado por numerosos cidadáns que reclamaban a súa atención ao seu paso.
"Si no venimos a Solla, no hay campaña", chegou a expresar Núñez Feijóo tras entrar na coñecida confeitería de Michelena. Tamén lle chamou a atención o ben que cheiraba unha das tendas de roupa que visitou minutos antes, chanceando con que quería saber que ambientador usaban.
Ademais, tamén se achegou á carpa habilitada polo PP en la Praza da Peregrina para agradecer o labor dos voluntarios que están repartindo o material de campaña do seu partido.
Esta visita de Feijóo a Pontevedra, que non estaba na axenda de campaña do partido, produciuse despois de que o presidente nacional do PP visitase esta mañá unha explotación gandeira de Lalín, na que propuxo un plan de choque para afrontar a crise do campo.
Entre outras medidas, reclamou un pacto nacional da auga ou unha política fiscal de redución de impostos no ámbito agrícola, máis axudas ao sector e apostar por unha política ambiental que se deseñe desde o propio medio rural.
"Temos un Goberno urbanita que non coñece o sector agrario”, engadiu Núñez Feijóo, que pechará esta xornada de campaña electoral cun mitin en Moaña.