Para a ITU, Pontevedra "vai marcar un punto de inflexión" na organización do Multisport de tríatlon

Pontevedra
25 de abril 2019

O director de operacións da Federación Internacional de Tríatlon (ITU), o grego Thanos Nikopoulos, agradeceu a acollida que a cidade brindou aos mundiais de tríatlon e mostrouse convencido de que "vai ser un excelente Multisport" que marcará a pauta para futuras edicións

Rolda de prensa previa ao inicio do Multisport de tríatlon
Rolda de prensa previa ao inicio do Multisport de tríatlon / Mónica Patxot

O director de operacións da Federación Internacional de Tríatlon (ITU), o grego Thanos Nikopoulos, agradeceu este xoves a acollida que a cidade brindou aos mundiais de tríatlon.

"Estamos emocionados por estar en Pontevedra", sinalou antes de declararse "honrado" polo "apoio extraordinario que recibiu o evento en toda a cidade".

Nikopoulos compareceu acompañado de Jorge García, director de competicións da Federación Española, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, e o triatleta Pablo Dapena.

Desde a ITU aseguran ademais que "estamos seguros que vai ser un excelente Multisport Festival".

Tanto é así que o director de operacións da Federación Internacional, que xa estivo en Pontevedra hai anos pola disputa do Campionato de Europa de Tríatlon, cre que "Pontevedra vai marcar un punto de inflexión na organización do Multisport", converténdose en referencia para as cidades que acollan o evento no futuro.

Thanos Nikopoulos encomiou tamén o estilo de vida da Boa Vila, á que cualificou de "exemplo de sustentabilidade".