Todo un espectáculo de luz, música e son. Así foi o concerto que a Orquesta Panorama ofreceu en Pontevedra como parte da programación lúdica do ITU Multisport. O Recinto Feiral foi o lugar elixido para que deportistas, afeccionados e os propios pontevedreses pecharan ao grande a primeira fin de semana de competición.
Panorama ofreceu sobre o escenario o seu espectáculo Number One Tour, unha montaxe totalmente nova chea de grandes sorpresas que fixo que o público gozase cada minuto da actuación sen deixar de cantar e bailar.
Foi un concerto no que a orquestra lembrou grandes temas dos anos 80, 90 e 2000, interpretando temas de artistas que foron números uno en todo o mundo, todo iso mesturado con cancións de máxima actualidade e as performance máis espectaculares.
A programación musical do ITU Multisport continuará este martes, tras a competición do tríatlon cros, coa actuación da artista galega Mercedes Peón. Será ás dez da noite na Praza de España.