Pablo Dapena, ante o Mundial de Pontevedra: "Se Javi (Gómez Noya) vai competir realmente a presión é para el"

Pontevedra
19 de marzo 2019

A mes e medio de que teña que defender o seu título mundial no ITU Multisport Festival de tríatlon, Pablo Dapena atendeu a PontevedraViva para repasar todo o relacionado á súa tempada e ao gran evento deportivo do ano na cidade

Pablo Dapena, recibe bolsa para adestrar no CGTD no curso 2019-2020
Pablo Dapena, recibe bolsa para adestrar no CGTD no curso 2019-2020 / Mónica Patxot

A mes e medio do gran evento deportivo na cidade, o ITU Multisport Festival, no que defenderá o título de campión do mundo de tríatlon de longa distancia, Pablo Dapena atendeu a PontevedraViva para repasar as súas impresións sobre a tempada e sobre a festa deportiva que Pontevedra vivirá entre o 27 de abril e o 4 de maio. Precisamente el será un dos encargados de pechar a competición o día 4 coa proba máis esperada, na que tamén estarán presentes, entre outros, Javier Gómez Noya e Saleta Castro como máximos representantes locais.

"Xa sexa un tríatlon sprint do circuíto galego ou nunha liga de clubs competir na casa é sempre é especial", asegura, e ademais se se trata de todo un campionato do Mundo "é algo que só che pasa unha vez na vida. Ter esta opción a verdade é que para a xente que somos PTV coma min é algo moi bonito".

Dapena correrá en Pontevedra co dorsal 1 que lle sinala como vixente campión, pero escapa da presión ante a "xente de moito nivel" que estará na liña de saída, entre eles alguén co que compartiu moitos quilómetros de adestramentos e é todo un referente, Javi Gómez Noya, que non en balde conquistou na súa carreira cinco títulos mundiais ITU e dous de Ironman 70.3. Por todo iso "se Javi vai competir realmente a presión é para el", sinala explicando que no seu caso "aínda que me poñan presión non a sinto".

En calquera circunstancia para o triatleta pontevedrés "creo que é unha carreira que podemos facer os dous xuntos ata acabar a bici máis ou menos e logo correndo cada un poñerase no seu sitio".

Sobre o circuito do Mundial: "É unha proba que como te pases na bici vas a pagalo moito correndo"

Será iso si un Mundial de longa distancia "moi duro e moi esixente" polo seu percorrido, con especial castigo no sector ciclista que levará a carreira ata o encoro de Pontillón do Castro, en Verducido. "É unha proba que como te pases na bici vas a pagalo moito correndo. Non vai ser como o ano pasado en Dinamarca que era totalmente chairo, aquí vai haber un castigo físico nas pernas brutal e como te pases xa só lixeiramente vai ser difícil", prognostica.

Tras unha pretempada que cualifica de "moi boa", desenvolta case na súa totalidade en Lanzarote e xa como membro oficial do equipo profesional Team BMC Vifit Sport, Pablo Dapena ten planificado o seu camiño cara ao ITU Multisport Festival para tentar chegar no mellor estado de forma posible. Iso pasa por un debut os días 23 e 24 de marzo en Portimao, Portugal, co club do país luso ao que pertence participando nunha proba de distancia olímpica e outra de remudas mixtas en modalidade super sprint. Despois "o 7 de abril será un test moi bo no Challenge de Salou cun nivel moi moi alto, con xente de moitísimo nivel que estivo en  Hawaii ou no Mundial 70.3". Será a súa última competición antes de Pontevedra, onde se concentrará as últimas semanas.

MUNDIAL 70.3 DE NIZA, OUTRO DOS OBXECTIVOS

Ademais de defender a súa coroa no mundial de longa distancia, o campión pontevedrés ten outro reto marcado en vermello no calendario de 2019, o Mundial Ironman 70.3 que se disputará en setembro en Niza. Estar alí é unha das metas que lle fixou o BMC e para iso debe buscar antes a clasificación vencendo nalgunha carreira desta distancia e franquía. Por iso no seu calendario figuran o Ironman 70.3 de Rapperswil, en Suíza o 3 de xuño, e o Campionato de Europa 70.3 que se disputará en Suecia o 7 de xullo e que repartirá tres prazas mundialistas.

Máis aló destas carreiras a franquía Challenge volverá ser un obxectivo "en función de como vaia o corpo", recoñece. De feito "se hai opcións de repetir" como gañador do ranking da tempada e o seu bonus especial, que logrou o pasado ano, Dapena plantéxase mesmo repetir na cita de Madrid en distancia Ironman "pero o bo é que ata setembro-outubro non hai que tomar a decisión".