Espectacular, impresionante, único... Son cualificativos usados polos triatletas que competiron este sábado na carreira elite masculina da Gran Final das Series Mundiais, impactados pola cantidade de ánimos recibidos e de público presente en cada un dos puntos do percorrido.
"Foi incrible, nunca vivira unha carreira así, con tanta xente animando", recoñeceu tras a carreira o español Genis Grau, para quen "foi un ambiente espectacular, das mellores carreiras que corrín da miña vida pero de largo", defendeu.
Da mesma opinión era o tamén español Sergio Baxter, afirmando que "O que destaco con diferenza desta carreira foi o público, encantoume. Pasaron a outro nivel, quero agradecer a todo o mundo que saíu a aplaudirnos porque de verdade empuxáronnos na carreira a pé", sinalou.
Un dos que máis animos recibiu foi o vigués Antonio Serrat, único representante galego na proba absoluta masculina. "O público estivo impresionante, é unha carreira para lembrar aínda que non sexa o meu mellor resultado, pero será unha carreira que lembrarei porque creo que non sufrín por todo o que escoitaba o meu nome nas rúas", revelou.
Javier Gómez Noya: "Poñíanseme os pelos de punta vendo a competición"
A sensación foi xeneralizada entre todos os participantes. Así o revelou o campionísimo Javier Gómez Noya, que viviu o evento como afeccionado pero que tivo a oportunidade de compartir impresións con moitos dos deportistas.
"O pouco que puiden falar cos que acababan estaban impresionados coa cantidade de público, sobre todo o circuíto a pé gustoulles moito", asegurou o pentacampión mundial, que recibiría unha homenaxe ao termo da proba.
Para Noya, que competiu por todo o planeta ao longo da súa dilatada carreira, o deste sábado en Pontevedra foi "unha carreira espectacular polo nivel do participantes pero sobre todo polo público, poñíanseme os pelos de punta vendo a competición". Dio unha voz autorizada no mundo do tríatlon.