Os socialistas reclaman unha Xunta de Galicia que teña a igualdade como "columna vertebral"

Pontevedra
16 de febreiro 2024

Ata o miradoiro da Caeira subiron este venres os socialistas de Pontevedra para escenificar o seu peche de campaña, que quixeron centrar na igualdade, un ámbito que agardan que sexa a "columna vertebral" do futuro goberno de esquerdas na Xunta de Galicia

Manuel Castro, Paloma Castro e Yoya Blanco, no miradoiro da Caeira
Manuel Castro, Paloma Castro e Yoya Blanco, no miradoiro da Caeira / PSdeG-PSOE de Pontevedra

Ata o miradoiro da Caeira subiron este venres os socialistas de Pontevedra para escenificar o seu peche de campaña, que quixeron centrar na igualdade, un ámbito que agardan que sexa a "columna vertebral" do futuro goberno de esquerdas na Xunta de Galicia.

"Se as urnas se enchen de votos socialistas, o futuro está gañado para os dereitos, as mulleres e a igualdade", destacou a candidata Paloma Castro, xa que a igualdade será unha cuestión "imprescindible e transversal" no futuro goberno de José Ramón Gómez Besteiro.

Castro subliñou que o feminismo será a "base" deste goberno, que destinará un mínimo do 1% do seu orzamento a políticas de igualdade como "panca de cambio" para que a sociedade galega avance "cara a un maior benestar, máis calidade de vida e crecemento económico".

Os socialistas propoñen rechar ca "nefasta" fenda salarial e impulsarán medidas contra a violencia machista como programas de sensibilización e de intervención social e educativa, establecendo ademais a educación afectivo-sexual na escola.

A coordinación interinstitucional co poder xudicial, a policía e os servizos sociais para a mellora da protección ás mulleres vítimas e unha atención integral ás mesmas para evitar a súa revitimización son outras das medidas contempladas no programa de Besteiro.

Ademais, o PSdeG impulsará medidas de prevención e sensibilización destinadas a toda a sociedade, potenciarán a referentes femininos históricos e actuais e traballarán para abolir "esa forma de escravitude que é a prostitución".

Arquivado en