Os socialistas propoñen "facer realidade" o proxecto do 'porto seco' de Leborei

13 de febreiro 2024

Para o PSdeG-PSOE é "imprescindible e urxente" que o goberno galego dote á comarca e Pontevedra de novo solo industrial. Entenden que só unha Xunta liderada por José Ramón Gómez Besteiro pode poñer fin á "parálise" provocada polo PP neste eido

Iván Puentes e Paloma Castro, en Leborei
Iván Puentes e Paloma Castro, en Leborei / PSdeG-PSOE de Pontevedra

Para o PSdeG-PSOE é "imprescindible e urxente" que o goberno galego dote á comarca e Pontevedra de novo solo industrial. Entenden que só unha Xunta liderada por José Ramón Gómez Besteiro pode poñer fin á "parálise" provocada polo PP neste eido.

Os socialistas consideran que Pontevedra é un "lugar estratéxico" para o desenvolvemento industrial, entre outros motivos pola situación na que están os seus polígonos, a conectividade ferroviaria directa, a proximidade ao Porto de Marín e a facilidade de acceso á AP-9.

A candidata Paloma Castro explicou que entre as medidas deseñadas para atallar esta "preocupante situación" está a de "facer realidade" a creación dun 'porto seco' que permitirá ampliar o asentamento de empresas vencelladas ao Porto de Marín.

Para este 'porto seco', o PSdeG atoparía un emprazamento axeitado no lugar de Leborei, en Cerponzóns, nuns terreos con 435.137 metros cadrados de superficie que este martes visitou a candidata socialista en compañía do portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes.

Ademais, Castro considera que a administración competente debe reter no territorio o maior investimento posible e impulsar a ampliación dos polígonos industriais do Campiño (Pontevedra), A Reigosa (Ponte Caldelas), Fragamoreira (Poio) e Barro-Meis.

Iván Puentes cualificou de "chirigota de entroido" que Alfonso Rueda "acuda novamente a cantos de serea electorais para anunciar a ampliación do polígono do Campiño, tan só uns meses despois de defender que non era necesario e que primeiro había que enchelo".

Neste mesmo sentido, tildou de "catástrofe" a situación na que se atopa Fragamoreira, "un polígono que leva máis de unha década paralizado polo PP, que naceu para a expansión loxística dunha empresa tan importante como Froiz, obrigada finalmente a marchar a Barro". 

Arquivado en