A candidata ao Parlamento Paloma Castro mantivo este venres unha xuntanza con colectivos socio sanitarios de Pontevedra, entre eles Alcer, Amencer, Xoga, Asseii, Adicam e Secretariado Xitano, baixo o título 'A protección social como dereito'. Ao encontro tamén asistiron os concelleiros Marcos Rey, Yoya Blanco e Manuel Fariña.
Paloma Castro explicou que este primeiro encontro de campaña "quixemos que fora cos colectivos sociais da cidade, porque para nós as políticas sociais serán o eixo fundamental dese futuro goberno de José Ramón Gómez Besteiro".
A candidata socialista alentou aos colectivos sociais "a deixar atrás a década de recortes e xestión rutinaria do PP" para "recuperar a alma social de Galicia" da man do PSdeG.
Tamén defendeu un programa "progresista" que promete impulsar "un novo modelo de residencias, de xestión pública e de proximidade, reforzando os equipos de inspección".
Igualmente prometeu que o Partido Socialista incrementará a dotación de persoal para a valoración e resolución de axudas á dependencia; porá en marcha un Plan de Erradicación da Pobreza Infantil, e garantirá a "plena integración social das persoas con cunha discapacidade física ou intelectual"
Outras propostas son a reposición da tarxeta básica, da que se beneficiaron até 55.000 galegos; triplicar a dotación do bono social eléctrico (que agora só chega a 9.600 persoas), e poñer en mans da Xunta a meirande parte do custe económico do Servizo de Axuda no Fogar, "que na actualidade afoga aos concellos".
Paloma Castro relatou "os incumprimentos flagrantes desta Xunta do PP con corazón de pedra", entre eles "a lei de soidade non desexada, o novo modelo de atención e coidados dos maiores, o proxecto para previr os efectos das tecnoloxías da información e a comunicación en menores e adolescentes, a nova Lei de Inclusión Social que permitiría compatibilizar a RISGA co IMV ou o Plan de Familias Monomarentais".
Segundo reseñou, "Galicia é, por culpa do señor Rueda, a terceira comunidade autónoma que menos inviste en dependencia (726 euros/persoa fronte aos 1.193 euros da media estatal)", un territorio onde "non se explica por que conviven nas residencias públicas maiores de 65 anos con persoas menores desa idade, pero con patoloxías psiquiátricas".