"Pontevedra necesita feitos e non que lle lembren as promesas incumpridas", recordaron este xoves as candidatas do PSdeG-PSOE por Pontevedra, Patricia Vilán e María Pierres, ao fío dos anuncios electorais feitos nas últimas horas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Recordaron que o PP tiveron oito anos para materializar eses compromisos, polo que segundo Vilán, a credibilidade dos populares neste sentido está "absolutamente caducada".
"A xestión do PP e de Nuñez Feijóo resúmese en pretender vender como un éxito a ampliación de Montecelo despois de ter paralizado o proxecto durante sete anos. A única ampliación da que son tristemente responsables é a de darlle 60 anos máis a ENCE na nosa ría", engadiu María Pierres.
As dirixentes socialistas mantiveron unha reunión cos representantes das federacións veciñais de Pontevedra que serviu para trasladarlles as propostas para o concello que van a defender os socialistas na vindeira lexislatura.
Entre elas, hai un compromiso coa mellora e mantemento dos colexios públicos, o impulso a unha mesa de traballo con todas as administracións para o traslado de ENCE fóra da ría, o arranxo da estrada a Vilagarcía, a ampliación do Campiño, a execución de novas infraestruturas deportivas ou plans específicos para diversas zonas da cidade como Monteporreiro, Castañal ou Mollabao.
"A nosa forma de entender a política é mediante unha comunicación fluída cos representantes veciñais. Iso é o que vimos facendo e ese é tamén o noso compromiso cando gobernemos a partir do 25 de setembro", finalizou dicindo María Pierres.