Os socialistas aseguran que un goberno de Leiceaga será "sensible" as necesidades dos traballadores do mar

Pontevedra
20 de setembro 2016

A candidata socialista pola provincia de Pontevedra, Patricia Vilán, participou este martes nunha reunión con representantes das mariscadoras da provincia

Acto da candidatura do PSdeG-PSOE en Pontevedra
Acto da candidatura do PSdeG-PSOE en Pontevedra / Mónica Patxot

A candidata socialista pola provincia de Pontevedra, Patricia Vilán, participou este martes nunha reunión con representantes das mariscadoras da provincia.

Na xuntanza Vilán sinalou que as zonas de produción marisqueiras atópanse nunhas condicións "de total abandono", o que provoca importantes caídas das producións pola incidencia de parásitos e especies invasoras que chegan ás nosas costas polos "nulos controis sanitarios sobre as especies de bivalvos importados".

"O marisqueo sempre foi un elemento dinamizador da economía na costa e un recurso fundamental para moitas familias. Feijoo e o PP desprezan a súa importancia" indicou Patricia Vilán no transcurso da reunión.

Fronte a esta situación, a candidata socialista presentou na reunión unha batería de propostas dirixidas á dignificación das labores do mar.

"Asuntos como a defensa dos traballadores do sector en materia de pensións, seguros de mal tempo, flexibilización de pagamentos en préstamos para investimento do sector estarán na axenda de prioridades dun presidente socialista", afirmou Patricia Vilán.

"Non nos esqueceremos da posta en marcha dun plan integral e efectivo contra o furtivismo e a pesca ilegal. Nin do apoio ás confrarías de pescadores de Galicia e ás asociacións representativas do sector no seu proceso de modernización da actividade comercializadora", indicou Vilán.

Vilán rematou asumindo o compromiso de avaliación e plan de actuación en relación á fonda caída da produción de berberecho nas Rías Baixas, así como doutras especies como as ameixas. "Solo un goberno presidido por Xaquín Fernández Leiceaga será sensible as demandas dos traballadores do mar", rematou. 

Arquivado en