Feijóo e o PP, segundo os socialistas, aprobaron unha nova Lei do Solo en Galicia "carente do mínimo consenso político e social". Por iso, un dos compromisos que o PSdeG-PSOE inclúe no seu programa electoral é, se alcanzan o goberno da Xunta, modificar esta normativa e acordar unha nova redacción co resto de partidos.
Así o explicou María Pierres, número 4 da lista por Pontevedra, tras unha reunión con arquitectos e outros técnicos expertos nos eidos da vivenda, o urbanismo, de conservación e protección do patrimonio, así como da investigación.
"O PP empregou a maioría absoluta para impoñer discrecionalidade nun asunto que require moita racionalidade e apostou por desregular en lugar de planificar", asegurou a candidata socialista.
María Pierres destacou que a política urbanística e de ordenación do territorio de Galicia "precisa dunha visión global baseada en criterios de racionalidade, sustentabilidade, protección do territorio, flexibilidade e adaptabilidade á dinámica urbana", algo do que carece esta nova Lei do Solo, aprobada o pasado mes de febreiro.
Contra esta lei, os socialistas presentan propostas "serias e rigorosas" como priorizar o desenvolvemento das Directrices de Ordenación do Territorio ou elaborar un marco que posibilite a posta en marcha e o funcionamento real das áreas metropolitanas en Galicia.
Ademais, prometen recuperar o apoio aos municipios para a revisión e adaptación do planeamento municipal, así como axilizar o proceso de tramitación mediante a emisión dun único informe para un mesmo planeamento en trámite; ou reorientar a actual estrutura da Axencia da Protección da Legalidade Urbanística, potenciando as súas funcións de inspección, reposición da legalidade e sanción en materia de urbanismo.