O PSdeG-PSOE considera que o comercio é "un dos grandes esquecidos" polos gobernos da Xunta de Galicia de Alberto Núñez Feijoo e do PP e sostén a afirmación en datos, pois dos 345 millóns de inversión a través do Igape no 2010, pasou a 92,5 millóns en 2016. É unha caída do 75% que, na súa opinión, significa que "a Feijóo o pequeno comercio impórtalle moi pouco".
A candidata socialista nas eleccións autonómicas Maria Pierres visitou este sábado o mercado municipal de Pontevedra para manifestar a aposta do seu partido polo pequeno e mediano comercio e, de paso, criticar a xestión do PP e da Xunta: "os socialistas non imos a perder moito tempo criticando o que non existe. E a política de apoio ao comercio non existiu co PP".
En relación co programa socialista, anunciou unha actuación de choque para dinamizar e poñer en valor "un recurso fundamental para o crecemento económico do país, como é o comercio", pois "o comercio fai cidade" e en Galicia é fundamental para artellar unha rede de cidades e vilas vivas e con actividade económica que permitan fixar poboación no territorio e desenvolver proxectos vitais aos galegos e ás galegas.
Na súa opinión, hai que elaborar un Plan Estratéxico de Mellora do Comercio Galego que defina con claridade a posición do comercio retallista, as grandes superficies, os recintos feirais, e fortaleza o tecido urbano e o rural e, ademáis, "hai que facelo sen perda de tempo" porque están en xogo miles de postos de traballo.
Para María Pierres, trátase de impulsar o pequeno e mediano comercio a base de medidas concretas e creibles de modernizacion e profesionalización para evitar a progresiva desaparición dos comercios mediante un plan de impulso á transmisión familiar, que permita a súa continuidade.