A primeira gran xornada do ITU Multisport Festival, cos campionatos do mundo de dúatlon, tivo tamén acento local nos grupos de idade, coa participación de deportistas de diferentes clubs da comarca.
Neste aspecto varios foron os nomes protagonistas, como o pontevedrés Manuel González Ojea, que engrosou o seu palmarés ao proclamarse campión do Mundo no seu grupo de idade (60-64) na modalidade standard.
O deportista do Tríatlon PC Rías Baixas, que xa foi campión no Campionato do Mundo 2014 que se celebrou na cidade ou campión no dúatlon de longa distancia, volveu subir ao máis alto do podio despois de completar o percorrido nun tempo de 2 horas, 9 minutos e 30 segundos, cunha ampla diferenza sobre os seus rivais, xa que o podio completárono os británicos Dean Hardie (2:18:18) e Roy Flanagan (2:18:45).
Pola súa banda na modalidade de sprint chegou outra medalla de ouro con acento local, da man de Aida García (45-49), deportista do Club Ciclismo Tríatlon Poio. Aida non só venceu na súa categoría, senón que marcou o segundo mellor tempo xeral feminino dos grupos de idade con 1:06:23.
Tras ela foi segunda a británica Gwen Kinsey (1:07:26) e o terceiro chanzo do podio foi para outra deportista da comarca, concretamente para a grovense María Fernández Lores (1:09:45).