Os monicreques piden paso con sete divertidos espectáculos en Titirivedra

Pontevedra
08 de xullo 2024

Sete compañías participarán entre os días 15 e 21 de xullo nunha nova edición de Titirivedra, o ciclo infantil e de monicreques que acolle Pontevedra dentro da programación das Festas de Verán

"Titiricircus" de Tanxarina
"Titiricircus" de Tanxarina / Tanxarina

Sete compañías participarán entre os días 15 e 21 de xullo nunha nova edición de Titirivedra, o ciclo infantil e de monicreques que acolle Pontevedra dentro da programación das Festas de Verán.

Esta proposta deseñada para un público familiar desenvolverase na Alameda. As funcións, que teñen entrada libre, comezarán ás sete da tarde.

Os espectáculos que se representarán nesta edición son:

Luns 15: As mil e uma noites, de Caricata Teatro

Espectáculo que conta este clásico da literatura desde un punto de vista actual, usando marionetas construídas con elementos de cociña e adaptando a historia a todos os públicos.

Un espectáculo divertido e diferente onde atoparemos os contos máis famosos das mil e unha noites como 'Aladino e a lámpada marabillosa', 'Ali Babá e os corenta ladróns'.

Martes 16: O galo Quirico, de Monicreques Seisdedos

Seguindo a forma dos recitados encadeados tradicionais e acompañado de música en directo, o galo Quirico enfróntase a diversas situacións na súa viaxe á voda do burro Perico.

Unha serie de números de variedades preceden e presentan a aventura de Quirico: unha cantante de cabaret ao modo de monicreque de varas, un traballador da vía do tren ao modo do monicreque de táboa ou unha trapecista ao modo de monicreque de fíos.

Mércores 17: Novos lobos, de Fantoches Baj

Espectáculo de narración oral e monicreques no que se toca o tema do xénero desde a perspectiva das novas masculinidades. Deconstrúense nel algúns contos da literatura popular para adaptalos a esta nova ollada.

É unha tentativa de ofrecer ferramentas conceptuais ao alumnado que axuden a prever a violencia de xénero. O espazo no que sucede a acción é un pequeno refuxio da montaña no que un pastor está a coidar das súas ovellas (o público).

Xoves 18: Raio The Loubicán, de Monicreques Mircromina

A historia que Antolín o Bailarín contoulle ao Camiñante deixoulle pensando na calidade das cadeas que venden nos mercadiños ao saber que o can Linkecho foi capaz de crebar a súa despois de 10 anos preso ao pé dunha palleira.

O fillo desa liberdade, froito da unión do can liberado e da loba que baixou das montañas, é Raio The Loubican, metade lobo metade can, a estrela do espectáculo de Varietés Rural que xunto co Camiñante van de praza en praza mostrando o seu talento.

Venres 19: A pita xefa, de Monicreques Alakrán

Unha pequena galiña cun soño pode facer moitas cousas: salto de lonxitude, bailar claqué… pero, sobre todo, pode conseguir o máis importante: cambiar as normas do galiñeiro!

Sábado 20: Polichinela titor de Pierrot, de Danthea Teatro

A rebeldía de Pierrot e o desinterese polos libros e a escola leva ao seu pai Palomeque a tomar unha decisión desafortunada:contratar como profesor ao noso amigo Polichinela, que lle serve calquera cousa para sacar proveito dela.

O final desta conxunción levaranos a situacións pouco recomendables

Domingo 21: Titiricircus, de Tanxarina

Un recordo ensoñador e festivo do gran circo de carpa alta e bicolor: a historia de dous vellos traballadores daquel circo que lembran agora con marionetas de fíos as glorias do seu pasado na pista.

Nun permanente xogo participativo que o público, van aparecendo os números máis importantes daquel vello circo xa desaparecido: o home máis forte da Península Ibérica ou o malabarista máis divertido e bailongo do mundo.